Culleredo inicia actuacións de mellora en Augas Mansas tras visitar a urbanización con veciños

O Concello de Culleredo avanzará nas melloras previstas para a urbanización de Augas Mansas, na Zapateira, tras unha visita realizada pola corporación local xunto aos veciños da zona. A inspección, encabezada polo concelleiro de Obras, Carlos Liñares, e o xefe da Policía Local, responde ao compromiso adquirido na reunión mantida a pasada semana co alcalde, José Ramón Rioboo, quen amosou o seu apoio ás demandas veciñais.
Durante o percorrido, no que tamén participou o veciño que impulsou a recente concentración de protesta, abordáronse cuestións prioritarias como a seguridade viaria. En resposta ás peticións trasladadas, a Policía Local empregará un radar para controlar a velocidade dos vehículos que atravesan a zona, especialmente os que se dirixen ao colexio. A colocación de bandas redutoras foi descartada tras asinar os propios residentes o posible impacto acústico negativo.
No relativo á sinalización, mellorarase a visibilidade dalgunhas sinais e procederase á pintura dunha praza de aparcadoiro para persoas con mobilidade reducida.
Outra das preocupacións veciñais foi a acumulación de maleza en diversos puntos das beirarrúas. O concelleiro comprometeuse á súa retirada inmediata. Precisamente, este luns comezará a funcionar o novo contrato de mantemento de zonas verdes, tras completarse o proceso administrativo de adxudicación e a subrogación do persoal da anterior concesionaria. Augas Mansas estará incluída neste plan de actuación, que abranguerá tamén outras zonas afectadas pola paralización do servizo anterior.
Ademais, o Concello xa notificou á nova empresa adxudicataria que contemple a limpeza do río, outra das reivindicacións dos veciños. Para esta intervención será necesario tramitar a autorización correspondente con Augas de Galicia. O contrato inclúe tamén a revisión e conservación do mobiliario urbano.
En canto ao estado das beirarrúas, Liñares e o representante veciñal valoraron no lugar as posibles intervencións. Segundo manifestou este último, non é precisa a ampliación das beirarrúas, pois afectaría negativamente ao espazo de aparcamento e implicaría a tramitación de vados. Os veciños expresaron o seu interese polo arranxo das lousas de pizarra deterioradas, ou ben pola súa substitución por un material máis resistente. O Concello analizará as alternativas técnicas posibles dentro do proxecto xa en marcha.
O alcalde, José Ramón Rioboo, quixo agradecer “a disposición dos veciños para colaborar e definir en conxunto as actuacións a acometer polo Concello”. Ademais, destacou que “a posta en marcha dos novos contratos de servizo propiciará unha mellora notable do estado de moitos puntos do municipio”.