Culleredo incorpora catro axentes á Policía Local

Concello de Culleredo reforza a Policía Local con catro novos axentes que este venres tomaron posesión como funcionarios de carreira tras completar a formación na Academia Galega de Seguridade e o período de prácticas no corpo.
O acto desenvolveuse na Casa do Concello, presidido polo alcalde, José Ramón Rioboo, quen asinou as resolucións de incorporación e trasladou aos novos efectivos os seus parabéns. O rexedor destacou que ‘a dotación de medios de seguridade é unha prioridade’ para garantir ‘unha atención eficaz’ á veciñanza, e valorou o contacto próximo co cidadán que caracteriza o ámbito local.
Os catro policías accederon ás prazas mediante o correspondente proceso selectivo de acceso libre. Tras superar as distintas fases, mostraron a súa satisfacción polo inicio desta nova etapa profesional no municipio.
O Executivo local mantén en marcha a ampliación do cadro. Segundo informou, está aberto outro proceso selectivo que inclúe tres prazas de axente por oposición libre e unha praza de oficial mediante o sistema de provisión por mobilidade.
Ademais, o Concello completou o proceso de promoción interna de tres oficiais, que remataron a súa formación e están en activo desde o mes de xuño.