Culleredo inaugura unha exposición con fotografías feitas co móbil polo alumnado municipal

O Concello de Culleredo pon a disposición da veciñanza unha exposición con imaxes realizadas polo alumnado da actividade municipal “Fotografía co móbil” durante o pasado curso escolar. A mostra, que recolle unha diversa selección de fotografías tomadas e editadas exclusivamente con teléfonos móbiles, estará aberta ao público no Edificio de Servizos Múltiples de O Burgo, de luns a venres en horario de 09.00 a 14.00 horas, ata finais de agosto.
Esta iniciativa forma parte da programación cultural do Concello e destacou pola súa boa acollida entre as persoas participantes, que puideron desenvolver o seu talento e creatividade a través do manexo da fotografía con dispositivos móbiles. Desde o Goberno local animan á cidadanía a achegarse para descubrir estas obras e a inscribirse na actividade para o próximo curso.
A exposición é unha mostra do compromiso municipal coa promoción da cultura e das iniciativas que fomentan o desenvolvemento persoal e artístico dos veciños e veciñas de Culleredo, reforzando o acceso á formación cultural de forma práctica e amena.