Culleredo inaugura outubro coa obra infantil 'Maruxiña' no Auditorio do Burgo
O Concello de Culleredo estreará o mes de outubro cunha proposta teatral para os máis pequenos da casa. O venres 4 de outubro, ás 19.00 horas, o Auditorio do Edificio de Servizos Múltiples de O Burgo acollerá a representación de 'Maruxiña', un espectáculo a cargo da compañía Aurora Artes Escénicas.
A entrada será de balde, mais será necesario facer unha reserva previa, ben chamando ao 981 665 597 ou achegándose ao propio Edificio de Servizos Múltiples en horario de mañá, de 09.00 a 14.00 horas.
A obra, dirixida a nenos e nenas a partir de 5 anos, promete unha aventura chea de emocións inspirada no conto clásico Pulgarciña de Hans Christian Andersen. Maruxiña leva o público a unha viaxe pola procura da liberdade individual, cunha posta en escena que combina a narración teatral co poder envolvente da música en directo, facendo dela unha experiencia única tanto para os máis cativos como para as súas familias.
Este espectáculo abre a programación do mes no marco de Culleredo en Escena, un proxecto cultural que achegará novas propostas teatrais e espectáculos nas vindeiras semanas. A iniciativa, en colaboración coa Rede Cultural da Deputación da Coruña, busca achegar o teatro e as artes escénicas ás familias do concello, cunha oferta de entretemento didáctico e accesible para todos os públicos.