Culleredo impulsa un plan urxente para reparar baches e mellorar a rede viaria

O Concello de Culleredo está a executar un plan intensivo de rebacheo e mellora do firme nas vías municipais, co obxectivo de acondicionar os puntos que presentan maior deterioro segundo as necesidades trasladadas pola veciñanza.
Os traballos inclúen tanto a reparación puntual de baches como a colocación dunha nova capa de rodadura en tramos máis amplos que requiren unha intervención maior. As actuacións están a desenvolverse en todas as parroquias, atendendo os puntos máis afectados.
O plan abrangue tanto zonas urbanas como rurais. Nas últimas semanas realizáronse obras en varias rúas de O Burgo e continuarase en Vilaboa. No ámbito rural actuouse, por exemplo, na estrada da estación de Bregua, e nas vindeiras semanas proseguirán nos restantes núcleos.
Estas accións urxentes serán o paso previo á posta en marcha dun servizo permanente de mantemento da rede viaria, que permitirá intervir ao longo do ano segundo vaian xurdindo necesidades derivadas do desgaste habitual das estradas. O Concello xa tramita a licitación deste servizo, que contará cun investimento de 500.000 euros anuais.