Culleredo impulsa a súa Axenda Urbana cun plan de acción para transformar o litoral

ACoruñaXa
As súas metas inclúen superar as barreiras físicas para conectar a ría cos espazos urbanos
xardin_culleredo
5 Mar 2025

O Concello de Culleredo inicia os primeiros pasos para levar a cabo a súa Estratexia de Desenvolvemento Integrado Local (EDIL), artellada a través da Axenda Urbana. Trátase dun documento estratéxico que establece as prioridades e obxectivos da acción municipal ata 2030, elaborado coa participación da veciñanza, asociacións e axentes sociais do municipio.

O Ministerio de Facenda abriu a convocatoria para a asignación de fondos FEDER aos Plans de Actuación Integrados (PAI), instrumentos que permiten executar partes da Axenda Urbana. O obxectivo desta convocatoria é impulsar proxectos transformadores en áreas urbanas, mellorando a calidade de vida da cidadanía desde unha tripla perspectiva: medioambiental, económica e social.

Neste contexto, o Concello de Culleredo deseñou o seu Plan de Acción Integrado cun enfoque especial no litoral, coordinándoo coa rexeneración ambiental da ría de O Burgo. As súas metas inclúen superar as barreiras físicas para conectar a ría cos espazos urbanos, xerar melloras ambientais e impulsar servizos e actividades que beneficien o desenvolvemento do municipio.

O alcalde, José Ramón Rioboo, destacou que “o plan é ambicioso para impulsar un avance sostible de Culleredo en harmonía co potencial da nosa ría”. Ademais, subliñou que os proxectos combinan “a mellora e rexeneración do territorio, a conservación dos recursos, a mellora dos servizos e o benestar veciñal”.

A proposta do Concello para esta convocatoria conta cun investimento total de 10.916.355,13 euros, estruturado en catro proxectos. O primeiro, “Avenida da Ría”, busca cohesionar os núcleos existentes arredor da ría mediante a reordenación e renaturalización da avenida de Fonteculler e da avenida de Acea de Ama. As accións previstas inclúnen incrementar a seguridade viaria, aumentar a masa vexetal e favorecer a mobilidade peonil. O orzamento destinado a este proxecto é de 1.450.000 euros.

O segundo proxecto, “Conectores ría-cidade”, ten como obxectivo mellorar a accesibilidade entre a trama residencial e os espazos verdes e servizos do borde da ría. Contará cunha estratexia de infraestrutura verde para potenciar a biodiversidade e a conectividade ambiental, ademais dun plan director para implantar tres grandes conectores: un en O Burgo, entre a praza de Galicia e a ría a través da antiga fábrica de La Cros; outro en Acea de Ama, reforzando a conexión do río Trabe co paseo marítimo; e un terceiro en Fonteculler, unindo equipamentos como colexios e institutos.

Tamén se mellorará e porá en valor o Xardín Botánico de O Burgo, acondicionaranse os Muíños de Acea de Ama e levarase a cabo a rexeneración urbana de Tierno Galván, actualmente en fase de adxudicación. O orzamento deste proxecto ascende a 5.916.363,22 euros.

O terceiro proxecto, “Áreas de centralidade”, busca mellorar os espazos públicos para reforzar as actividades comerciais e de servizos. Inclúe catro accións: acondicionamento do entorno da igrexa de O Burgo, reordenación do espazo na praza de Galicia, mellora da rúa Andrés Pan Vieiro e rexeneración urbana da rúa Moncho Reboiras. Conta cunha dotación orzamentaria de 2.079.991,91 euros.

Por último, o proxecto “Capital Social Culleredo” ten como obxectivo a mellora da calidade e cantidade dos servizos municipais. Inclúe un programa de administración dixital, solucións Culleredo Smart City, formación para pemes, a creación dun centro social no edificio de Radio Culleredo a través da súa rehabilitación enerxética, formación ambiental para fomentar a inserción laboral e a ampliación dos programas do Centro de Emprego Pablo Picasso. O orzamento asignado a este proxecto é de 1.470.000 euros.

⚙ Configurar cookies
0.17338800430298