Culleredo impulsa a reflexión sobre a migración co proxecto audiovisual ‘Cruza sen mirar’

O Edificio de Servizos Múltiples do Concello de Culleredo acolleu a presentación de Cruza sen mirar, unha proposta audiovisual da compañía Tarabela Creativa que pon o foco nas experiencias migratorias. A iniciativa, que conta co apoio das áreas de Cultura, Educación e Cohesión Social do concello, busca fomentar o diálogo social a través dos testemuños de persoas retornadas a Galicia e doutras que chegaron recentemente desde diversos puntos do mundo.
O acto contou coa presenza das concelleiras de Cultura, Penélope López, e de Cohesión Social, Marta Figueroa, así como dos responsables do proxecto, Carmen Conde e Diego Gallego. Durante a presentación, destacouse que Cruza sen mirar leva meses de traballo sobre o terreo, apostando pola “escoita activa e o entendemento mutuo”.
A iniciativa estrutúrase como un espazo de encontro, visibilidade e narración, onde se recollen relatos de vida de persoas migrantes e retornadas. Ademais, resáltase o papel de entidades sociais que promoven a integración, como a ONG Mestura, que colabora no desenvolvemento do proxecto en Culleredo. Tamén participan os concellos de Ares e Santa Comba, onde se están a realizar entrevistas e encontros co tecido asociativo e institucional.
Con vocación de transformación social, Cruza sen mirar foi un dos proxectos recoñecidos no I Fondo de apoio a proxectos culturais singulares para a mellora social 2025, impulsado pola Deputación da Coruña. No mesmo certame tamén foi galardoada a compañía local Elefante Elegante polo seu proxecto Pata de Elefante: Alta Costura.
Desde unha mirada antirracista e decolonial, o proxecto pretende “romper prexuízos e mostrar como moitas vivencias migratorias comparten emocións, retos e aspiracións, aínda que partan de puntos xeográficos distintos”.
Como resultado final, está prevista a produción dun videopódcast con testemuños recollidos en Culleredo, que se publicará a finais do verán. Ademais, o Auditorio do Edificio de Servizos Múltiples acollerá a finais de ano un evento en formato talk show, con dúas funcións: unha matinal para a comunidade educativa e outra de tarde aberta ao público xeral.