Culleredo impulsa a contratación do alumnado do Obradoiro de Emprego cunha axuda de 30.000 euros

ACoruñaXa
As empresas interesadas poderán recibir 1.500 euros por contratos de 3 meses a xornada completa
Casa_do_Concello_Culleredo
5 Dec 2024

O Concello de Culleredo dá un paso máis no seu compromiso coa inserción laboral ao lanzar unha iniciativa para fomentar a contratación do alumnado do Obradoiro de Emprego "Culleredo Activo II". Conxuntamente co Concello da Coruña e grazas ao financiamento autonómico, este programa formativo ofreceu durante o último ano ferramentas e coñecementos para persoas desempregadas.

Para incentivar a integración do alumnado no mercado laboral, o Concello reserva unha partida de 30.000 euros dirixida a empresas e persoas empregadoras. Estas axudas, orientadas a actividades vinculadas coa formación impartida, abranguen especialidades como Traballos de carpintaría e moble, Operacións Básicas de Revestimentos Lixeiros e Técnicos en Construción, ou Pintura e materiais de imprimación e protectores en construción.

As empresas que formalicen contratos a xornada completa por un período mínimo de tres meses poderán recibir unha axuda de 1.500 euros por cada contrato, cun máximo de 20 contratos subvencionables.

O prazo para solicitar estas axudas abre mañá, xoves, e estará vixente durante un mes, tras a publicación da resolución no Boletín Oficial da Provincia. Esta medida pretende facilitar a transición do alumnado formado ao mundo laboral, xerando emprego e reforzando sectores clave na economía local.

0.16106295585632