Culleredo impulsa a conciliación familiar nos seus campamentos escolares

ACoruñaXa
As actividades terán lugar no CEIP Vila de Rutis, CEIP Sofía Casanova, CEIP Isaac Díaz Pardo e no polideportivo municipal
cull-campamento
25 May 2025

O Concello de Culleredo vén de sacar a licitación os seus programas de conciliación para os dous próximos cursos escolares cun orzamento de 517.030 euros. A iniciativa busca ofrecer alternativas de ocio educativo durante os períodos vacacionais de verán, Nadal e Semana Santa, dirixidas a nenos e nenas de entre 3 e 12 anos.

O alcalde, José Ramón Rioboo, subliña que o obxectivo principal é “ofrecer unha vía de apoio ás familias para a conciliación da vida laboral e familiar nas épocas de maior necesidade”. O contrato prevé un mínimo de 690 prazas anuais, aumentando así a oferta con respecto a edicións anteriores, o que, segundo o rexedor, demostra o interese crecente por este tipo de servizos entre a veciñanza.

A licitación estrutúrase en dous lotes diferenciados: por unha banda, os campamentos de verán, que se desenvolverán dende o inicio das vacacións escolares ata o último venres de agosto; e por outra, os de Nadal e Semana Santa, que cubrirán os días laborables non lectivos.

As actividades terán lugar no CEIP Vila de Rutis, CEIP Sofía Casanova, CEIP Isaac Díaz Pardo e no polideportivo municipal, e abranguerán desde talleres artísticos, xogos predeportivos e hábitos de vida saudables ata propostas vinculadas ao coidado do medio ambiente, como reciclaxe ou cambio climático.

O programa inclúe tamén servizos complementarios de almorzo (de 7.30 a 9.00 horas) e comedor (de 14.00 a 16.00 horas), co obxectivo de ampliar a cobertura horaria para as familias que o precisen. As actividades desenvolveranse en franxas de unha a dúas horas, agás no caso de excursións puntuais, que poderán ocupar unha mañá enteira. Tamén se contempla un tempo de descanso a media mañá para a merenda, cunha atención vixiada continua por parte do persoal monitor.

As empresas que aspiren a xestionar o servizo deberán presentar un proxecto técnico e organizativo detallado, que será valorado xunto co prezo ofertado no proceso de adxudicación. As propostas deberán garantir un enfoque lúdico e educativo, adaptado á idade das crianzas e cun claro compromiso co desenvolvemento de habilidades sociais nun clima de respecto e convivencia.

 

⚙ Configurar cookies
0.10189914703369