Culleredo impartirá os certificados de profesionalidade en Atención á dependencia e Operacións básicas de restaurante e bar

ACoruñaXa
O Concello ofrece 896 horas formativas gratuítas para persoas en desemprego con inicio en xaneiro e febreiro de 2026
CULLEREDO curso hostelería
10 Oct 2025

O Concello de Culleredo amplía este ano a súa oferta formativa para persoas en situación de desemprego coa impartición de dous certificados de profesionalidade: Operacións básicas de restaurante e bar (nivel 1) e Atención sociosanitaria a persoas dependentes en institucións sociais (nivel 2). En conxunto suman 896 horas e desenvolveranse no Centro Municipal de Formación Pablo Picasso.

O certificado de Operacións básicas de restaurante e bar terá 368 horas e comezará o 11 de febreiro de 2026. O de Atención sociosanitaria, que se incorpora este ano á programación municipal, conta con 528 horas e dará comezo o 26 de xaneiro de 2026. Ambos están deseñados para dotar ao alumnado de competencias prácticas que melloren as súas posibilidads de inserción laboral en sectores con demanda.

O concelleiro de Desenvolvemento Socioeconómico, Juan Carlos Lovelle, destacou que o goberno local aposta por unha programación continua de accións formativas enfocadas a facilitar a incorporación das e dos veciños ao mercado de traballo, priorizando ámbitos con “demanda real”.

Para poder participar é necesario estar inscrito ou inscrita como demandante de emprego no Servizo Público de Emprego de Galicia. No caso do certificado de nivel 2, é preciso cumprir os requisitos académicos de acceso establecidos para ese nivel. As prazas cubriranse segundo os criterios de selección da convocatoria.

As persoas interesadas deben enviar o antes posible os seus datos persoais ao correo laboral@culleredo.es indicando no asunto candidato/a ao curso de restaurante-bar ou candidato/a ao curso de sociosanitaria en institucións, segundo o curso desexado.

Estas accións formativas son gratuítas e forman parte das políticas municipais de apoio á empregabilidade. As persoas que finalicen os certificados obterán a acreditación oficial correspondente, útil para acceder a emprego en hostalaría e no ámbito sociosanitario.

⚙ Configurar cookies
0.06345796585083