Culleredo entregou os diplomas ao alumnado do IES Eduardo Blanco Amor polo seu programa de formación en arbitraxe

ACoruñaXa
Esta Escola de Arbitraxe, pioneira en España, de mans do Comité Técnico, inclúe a arbitraxe dos mozos na propia liga escolar
Imaxe do alumnado do IES Eduardo Blanco Amor de Culleredo que participaron no curso de arbitraxe
15 Xuño 2024

O Concello de Culleredo, a través da área de Xuventude, organizou por segundo ano consecutivo un programa de formación en arbitraxe, cuxa condución correu a cargo do colexiado Diego Seoane, de Preferente Autonómica. A Administración local e o Comité Técnico Gallego de Árbitros de Fútbol xa iniciaran en febreiro de 2023 un proxecto pioneiro para promover esta vertente do deporte entre os mozos do municipio.

Con motivo da finalización do mesmo, onte, venres 14 de xuño, tivo lugar o acto de entrega de diplomas acreditativos ao alumnado do IES Eduardo Blanco Amor, no que participaron a concelleira de Cultura, Penélope López e varias profesoras e profesores do centro que colaboraron no desenvolvemento da actividade.

Esta Escola de Arbitraxe, de mans do Comité Técnico, inclúe a arbitraxe dos mozos na propia liga escolar. Esta iniciativa non se realizou nunca en España. Con esta proposta búscase ‘enganchar’ aos rapaces, que verán o seu labor reflectido en partidos cos seus propios compañeiros.

A concelleira de Cultura, Penélope López, quixo felicitar “a todas as alumnas e alumnos participantes na Escola de Arbitraxe por formar parte dun proxecto pioneiro e que contribúe a mellorar aptitudes e relacións sociais. Para nós é un luxo contar cun programa así en Culleredo e esperemos que así sexa os próximos anos”.

0.16114592552185