‘Culleredo en Escena’ regresa con seis propostas escénicas para a primavera

ACoruñaXa
A encargada de dar o pistoletazo de saída será a compañía Talía Teatro con 'Un deus salvaxe'
ciclo-teatro-cull
24 Apr 2025

O Concello de Culleredo presentou a programación do ciclo primaveral do 'Culleredo en Escena', que arranca este venres 25 de abril cunha primeira cita teatral e se estenderá ata o mes de xuño. En total, o público poderá gozar de seis espectáculos que abranguen teatro, maxia, reflexión social e música, nunha aposta pola cultura accesible e de calidade.

A encargada de dar o pistoletazo de saída será a compañía Talía Teatro con 'Un deus salvaxe', unha sátira da sociedade contemporánea que aborda con humor as relacións de parella, os roles de xénero ou os excesos da corrección política. A obra representarase no Auditorio do Edificio de Servizos Múltiples de O Burgo ás 20.30 horas, e está recomendada para maiores de 13 anos.

Como é habitual, a entrada para todos os espectáculos será gratuíta, mais será necesaria a reserva previa chamando ao 981 665 597 ou acudindo presencialmente ao Edificio de Servizos Múltiples, en horario de 16.00 a 21.00 horas. O proceso repetirase semanalmente para cada función.

A seguinte cita será o sábado 17 de maio, coincidindo coa Feira da Artesanía, coa actuación de O Mago Antón e o seu espectáculo 'A volta a Galicia en 313 concellos'. Nel, o recoñecido ilusionista fai unha homenaxe á súa traxectoria repasando xogos clásicos e técnicas da súa carreira.

O venres 23 de maio será a quenda de 'Apaga o candil', de Contraproducións, unha obra premiada cun María Casares que mestura emoción, humor e reflexión arredor da morte, a memoria e a tradición oral. Está recomendada para maiores de 10 anos.

O ciclo continuará o 30 de maio con 'O dragón de ouro', de Sarabela Teatro, unha peza intensa que gañou catro premios María Casares e que pon o foco nas vivencias dun mozo chinés sen permiso de residencia que, ante unha urxencia dental, confía nos seus compañeiros de restaurante. O espectáculo está dirixido a maiores de 16 anos.

Xa en xuño, o día 6, PT Excéntricas presentará 'Mala vida e pior morte do Rei Ricardo III', unha proposta irreverente e divertida que revisa a figura do monarca inglés desde unha óptica moi persoal e cómica. Tampouco recomendada para menores de 16 anos.

A clausura de 'Culleredo en Escena' chegará o 21 de xuño cun concerto moi especial: 'Agora é o tempo', a cargo de Francisco Castro e a Banda dos Borges. Presentarán o seu primeiro disco, cun percorrido musical que mestura rock, funk e pop con letras cargadas de poesía.

Este ciclo está impulsado polo Concello de Culleredo en colaboración coa Rede Cultural da Deputación da Coruña, consolidándose como unha referencia cultural da comarca nesta tempada.

⚙ Configurar cookies
0.15122008323669