Culleredo elimina catro novos vertedoiros ilegais no rural e na zona urbana

O Concello de Culleredo volveu actuar contra os vertidos incontrolados tras detectar e retirar catro novos puntos de abandono ilegal de residuos, tanto no rural como en espazos urbanos do municipio. Os episodios foron localizados por operarios municipais, en varios casos despois dos avisos trasladados por veciños, e volven poñer de manifesto un problema ambiental que preocupa ao goberno local.
Os novos focos de contaminación apareceron en dúas zonas do ámbito rural, concretamente en Ledoño, en puntos próximos ao punto limpo, e tamén no entorno de Augas Mansas, na Zapateira. A maiores, o persoal municipal localizou outros dous vertedoiros ilegais na área urbana, un deles na avenida Miguel González Garcés, no Portádego, e outro na avenida Ribados, no Burgo.
Desde o executivo municipal insisten en que este tipo de prácticas constitúe un atentado contra o medio ambiente e afean tanto os espazos naturais como as zonas máis poboadas do concello. O problema, ademais, non é exclusivo de Culleredo, senón que afecta tamén a outros municipios da área metropolitana, onde nos últimos días tamén transcenderon novos casos de abandono de residuos.
O goberno local xa abordou esta cuestión con colectivos veciñais do rural, que trasladaron a súa preocupación pola aparición recorrente destes vertidos. Mentres tanto, o Concello mantén labores de vixilancia para detectar novos puntos conflitivos e avanzar na erradicación dunha práctica incívica que xera un importante impacto ambiental e tamén un custo engadido para as arcas municipais pola necesidade de mobilizar medios de limpeza e retirada.
Ao mesmo tempo, a administración local fai un chamamento á colaboración cidadá para axudar a localizar estas zonas e, na medida do posible, identificar ás persoas responsables. O Concello lembra ademais que este tipo de condutas pode derivar en sancións de ata 3.000 euros.
Desde o Concello subliñan tamén que existen alternativas gratuítas para desfacerse de residuos voluminosos sen recorrer ao seu abandono na vía pública ou no monte. A través do Consorcio As Mariñas está dispoñible un servizo sen custo de recollida a domicilio de mobles e enseres, que pode solicitarse no teléfono 981 795 524. Ademais, os residuos tamén poden depositarse no punto limpo de Sésamo, igualmente de balde.
Entre os materiais admitidos figuran residuos de madeira como mobles, caixas ou táboas, metais, aparellos eléctricos e electrónicos de liña branca, como lavadoras ou frigoríficos, así como equipos de liña marrón, entre eles televisores ou aparellos de audio e vídeo, e de liña gris, como ordenadores, impresoras, teclados e periféricos. Tamén se poden entregar outros obxectos voluminosos, como colchóns ou somieres.