Culleredo eleva ao pleno un plan de preto de cinco millóns para renovar 17 instalacións deportivas

ACoruñaXa
O alcalde Rioboo expón aos clubes un proxecto de intervencións en campos de fútbol, polideportivos e pistas ao aire libre que responde ás súas demandas e que se financiará con parte do remanente de tesourería
CULLEREDO reunion clubs
23 Nov 2025

O Concello de Culleredo impulsa un amplo plan de actualización das súas infraestruturas deportivas que ascende a 4.988.576,19 euros e que inclúe un total de 17 actuacións. A proposta, elaborada atendendo ás necesidades técnicas detectadas e ás peticións das entidades usuarias, será sometida a votación no pleno do vindeiro xoves 27 de novembro.

O alcalde, José Ramón Rioboo, reuniuse cos representantes dos clubes para presentarlles en detalle o plan, que cualificou como un paso decisivo para modernizar instalacións utilizadas cada día por milleiros de veciños. Rioboo destacou que as peticións dos colectivos eran moi lóxicas e necesarias e que, por iso, o goberno local aposta por destinar parte do remanente de tesourería, cifrado en 17.761.043,57 euros, a melloras que revertan directamente na cidadanía. Subliñou ademais que este é o momento idóneo para empregar ese superávit antes de que se endurezan as regras fiscais o próximo ano.

O plan abrangue campos de fútbol, polideportivos cubertos, pistas exteriores e campos de chave distribuídos por todo o municipio. Entre as actuacións máis destacadas figura a renovación integral do campo de O Carrizo, en O Portádego, cun orzamento de 749.159,81 euros que inclúe novo terreo de xogo, iluminación, rego e equipamento. Tamén se colocará un céspede de última xeración no campo de Rutis (266.568,69 euros) e reformaranse os vestiarios de O Burgo (179.987,50 euros) e Tarrío (155.509,20 euros).

Outras melloras previstas son o reforzo da iluminación en Almeiras e O Burgo, así como no pavillón de Almeiras (70.000 euros); a substitución das redes perimetrais e porterías dos campos (207.345,60 euros); e a instalación de marcadores electrónicos en diferentes recintos (205.905,70 euros).

Nos polideportivos, a actuación principal será a rehabilitación completa do pavillón de Tarrío, cun investimento de 1.295.910 euros que permitirá reformar interior, cuberta, accesos, iluminación e vestiarios. En Almeiras, crearase un novo edificio de vestiarios con uso compartido entre campo e pavillón, cun orzamento de 302.379 euros.

As pistas exteriores tamén serán obxecto dunha importante remodelación. En Fonteculler destinaranse 357.210,39 euros á renovación da pista de tenis e á construción dunha nova pista descuberta iluminada. No parque empresarial de Alvedro investiranse 293.739,60 euros na renovación da pista de tenis e na execución dunha pista multideporte, ademais de melloras xerais. Completan este bloque as reformas en Los Olivos–Vallesur (119.511,70 euros), a nova pista multideporte en Vilaboa (100.793 euros), a recuperación do complexo de Sésamo (431.970 euros), a substitución de peches en Juan Carlos I (51.000 euros) e reparacións en cubertas e estruturas (115.192 euros).

O Concello tamén aposta pola mellora integral dos campos municipais de chave de Acea de Ama, Celas, O Burgo, O Portádego, Boedo e Almeiras, cun investimento de 86.394 euros.

Rioboo avanzou que xa hai outras melloras previstas, como a renovación das pistas deportivas da praza Europa en O Burgo, que se financiarán a través do Plan Único da Deputación da Coruña. Ademais, levarase ao pleno a achega municipal ao convenio con Arteixo e A Coruña para acondicionar o complexo deportivo de Montegolf, coa finalidade de facilitar o seu uso compartido polos residentes da Zapateira. A contía reservada para este fin é de 114.120,55 euros.

'O deporte forma parte da vida diaria de Culleredo, é sinónimo de benestar', subliñou o alcalde, quen lembrou que o municipio supera as 4.000 licenzas deportivas. Agarda, di, que a corporación actúe con altura de miras e permita desenvolver estas actuacións nos vindeiros meses.

⚙ Configurar cookies
0.073527097702026