Culleredo eleva a 900.000 euros o proxecto de reforma do polideportivo de Tarrío

ACoruñaXa
O incremento no custo dos materiais obriga a revisar o orzamento para unha actuación financiada polo Plan Único da Deputación
Recreación polideportivo Tarrio en Culleredo
21 Dec 2024

O Concello de Culleredo reactivará en breve a modernización integral do polideportivo municipal de Tarrío tras adaptar o seu proxecto ao incremento dos prezos dos materiais. A actuación, que fora adxudicada previamente, tivo que ser revisada antes de iniciar os traballos debido á alza dos custos que afectou ás administracións públicas nos últimos anos.

Agora, o novo proxecto eleva o orzamento de licitación a 895.478,66 euros, fronte aos 695.539,80 euros previstos inicialmente, o que supón un incremento do 28,75%. Esta primeira fase da reforma, incluída no Plan Único da Deputación da Coruña, está plenamente financiada e permitirá abordar melloras estruturais, servizos e accesos.

O alcalde de Culleredo, José Ramón Rioboo, lamenta a demora, mais asegura que a execución “sempre estivo garantida”. Rioboo salienta a importancia do polideportivo de Tarrío como un emblema deportivo do municipio e destaca que a intervención permitirá contar cunha instalación moderna e funcional, mantendo o seu carácter de referencia.

Melloras previstas

A actuación incluirá a substitución completa da cuberta actual por paneis tipo sándwich con franxas translúcidas para favorecer a entrada de luz cenital. Tamén se renovará o sistema de recollida de augas pluviais e o revestimento exterior da fachada mediante paneis verticais, ampliando os ocos das ventás para mellorar a iluminación natural.

O acceso será reformado para garantir a accesibilidade universal, coa creación de novas escaleiras, rampas e a instalación dun ascensor que conectará a planta baixa coa grada, a cafetería e os aseos.

No interior, reformarase e ampliarase a aula para cursos e actividades, acondicionarase a recepción, a enfermaría e os aseos, e instalaranse asentos de madeira nas gradas para maior confort. Ademais, o proxecto inclúe a instalación de barandas de seguridade, pintado de campos deportivos, cortinas separadoras, redes protectoras, iluminación LED e un videomarcador con pantalla LED.

O goberno local tamén traballa na tramitación dunha segunda fase, centrada na renovación completa do firme da pista, para dispoñer dun pavimento actualizado e adecuado para a práctica deportiva.

0.1619291305542