Culleredo e a compañía Elefante Elegante achegan o teatro a varios centros do municipio

ACoruñaXa
A obra 'Un momento precioso' rescata a idea de xardín como lugar natural estratéxico no deseño das cidades sostibles
Imaxe da compañía Elefante Elegante representando unha obra en Culleredo
14 Mar 2024

O Concello de Culleredo, a través da concellería de Participación Cidadá e Deportes, está a achegar o teatro a varios centros do municipio da man da compañía de teatro Elefante Elegante, e dentro da iniciativa 'Teatralízache'.

A compañía, residente no municipio, executou o seu novo traballo 'Un momento precioso', que coproduce a Administración local e, posteriormente, houbo un coloquio coas e os asistentes. É a primeira vez que se convida a colectivos fose do ámbito escolar.

Neste caso, 43 persoas de APEM, ASPANAES e o Centro de Maiores MIMOS. En total, pasarán polo Auditorio entre esta semana e a que vén un total de 830 persoas do IES Rego de Trabe, IES Blanco Amor, Centro Ocupacional A Escada, o Centro de Día ‘Vos Muíños’ e o Centro de Día BICOS, así como as persoas usuarias asistentes hoxe.

A obra 'Un momento precioso' rescata a idea de xardín como lugar natural estratéxico no deseño das cidades sostibles, e tamén como un espazo social onde coexisten os seres humanos de diferentes idades, xéneros e clases sociais. Pero, como, cando e onde sentiremos verdadeiramente libres, en seguridade e en igualdade de dereitos?

Esta obra é un espectáculo de teatro de movemento que transita entre esta disciplina, a danza e a acrobacia. A través da relación da música co movemento e a interacción cos elementos da escenografía, revélanse todos os segredos dunha posta en escena que se fundamenta na dinámica plástica da narrativa real.

Gonçalo Guerreiro e María Torres asinan a creación de 'Un momento precioso' Guerreiro é, tamén, responsable da dirección e a escenografía, mentres que o elenco está integrado por Pablo Sánchez, Julia Laport, Mario Rodríguez, Sofía Espiñeira, Eloi Gracía e a mesma María Torres. Doutra banda, a composición musical a firma Manuel Fonte, a iluminación é de Nacho Martín e Carolina Díguele é a artífice do vestiario.

A primeira tenente de alcalde e concelleira de Participación Cidadá e Deportes, Cristina Pardo, presenciou a xornada e admitiu que “é un dos mellores momentos de todo o ano, xa que estás a ver nacer o traballo dunha compañía de gran nome, tras moitos meses de esforzo e dedicación, e tamén o feedback dun público que é moi, pero que moi esixente. É bonito para elas e eles, e tamén para nós”, dixo a edila.

0.16275382041931