Culleredo despide con homenaxe a Ana Liñares, directora do CEIP de Tarrío, tras 25 anos no colexio

O CEIP Plurilingüe de Tarrío, no Concello de Culleredo, celebrou unha festa de despedida para a docente Ana Liñares, directora deste centro. O acto serviu para recoñecer a súa longa traxectoria profesional vinculada á educación pública, con máis de catro décadas de servizo, 25 das cales desenvolveu no propio colexio de Tarrío, onde asumiu a dirección durante os últimos 19 anos.
Arroupada por compañeiras e compañeiros de profesión, Liñares recibiu unha homenaxe pola súa implicación e defensa activa da escola pública, tanto desde o seu labor docente e directivo como na súa faceta sindical. Ao longo da súa carreira, destacou polo seu compromiso coa mellora da educación e polos seus anos de loita no sindicato CCOO.
Ao acto tamén asistiron representantes institucionais, entre elas a tenente de alcalde e concelleira de Educación, Cristina Pardo, e a concelleira de Cultura, Penélope López, que trasladaron á profesora o agradecemento do Concello de Culleredo pola súa dedicación. As dúas responsables municipais fixéronlle entrega dun agasallo institucional como mostra de recoñecemento.
Durante a celebración, compañeiros e compañeiras destacaron o carácter entregado de Ana Liñares, a súa capacidade de liderado e o seu compromiso inquebrantable cunha educación pública de calidade.