Culleredo denuncia ano e medio de silencio da Xunta sobre o estado dos colexios públicos

ACoruñaXa
O alcalde reclama reunións urxentes ante a falta de investimentos en centros educativos con máis de 50 anos
cull-ceip-tarrio
31 May 2025

O Concello de Culleredo vén de facer pública a súa indignación polo “prolongado silencio institucional” da Xunta de Galicia. Segundo denuncia o goberno local, levan ano e medio á espera dunha reunión coa Consellería de Educación para tratar as necesarias actuacións de mellora nos centros educativos públicos do municipio, sen obter ningunha resposta a pesar das reiteradas peticións.

O alcalde, José Ramón Rioboo, puxo de relevo a antigüidade das instalacións escolares: “O CEIP Tarrío alcanza xa os 51 anos de antigüidade, mentres que os centros de Vilaboa e O Burgo superan os 40 e 50 anos, respectivamente”. E engade: “Son infraestruturas educativas que necesitan unha actualización urxente, por seguridade, funcionalidade e dignidade educativa”.

Desde o executivo local acusan á Xunta de “nin responder, nin actuar, nin sequera escoitar as reivindicacións lóxicas de Culleredo”. Consideran que o bloqueo responde a unha estratexia partidista do Partido Popular local, ao que acusan de antepoñer os intereses políticos aos do alumnado e as familias. “Xogan a un xogo político irresponsable e daniño”, lamentan, e denuncian que se busca “bloquear calquera investimento autonómico e despois culpar ao Concello dunha situación que non lle compete”.

Rioboo avanza que, pese á falta de resposta, o Concello continuará a reclamar actuacións por parte da Consellería: “Non imos cesar nas demandas porque son urxentes e lóxicas, a educación pública require unhas instalacións adecuadas”, insiste, e engade que “é unha prioridade que debería ser independente da cor política de quen goberne”.

O rexedor lembra que Culleredo é, despois das sete grandes cidades, o concello galego con máis alumnado nas etapas de infantil e primaria, con 3.000 escolares. “Desde o Concello seguimos coa man tendida para traballar polo mellor para a educación en Culleredo”, asegura.

A pesares da falta de resposta da administración autonómica, o Concello realiza periodicamente traballos de mantemento nos centros: reposición de luces, reparación de grifos ou outras melloras menores. Con todo, recalcan que “son insuficientes” para colexios con tantas décadas ás costas.

Os problemas máis graves afectan a instalación eléctrica, con sistemas obsoletos e descatalogados, ou a aspectos estruturais como humidades, que volven saír aínda despois de labores de pintado, ou fachadas con deterioro visible. Tamén a eficiencia enerxética require actuacións: “os centros contan con emisores térmicos ineficientes e con ventás que non aíllan como deberan”.

Desde o Concello reiteran que a situación é insostible e instan á Xunta a reaccionar. A comunidade educativa, din, “non pode seguir agardando máis”.

⚙ Configurar cookies
0.19692492485046