'Culleredo, de cine’ bate récord de participación na súa terceira edición

ACoruñaXa
Foron 70 estudantes inscritos do IES Eduardo Blanco Amor e do IES Rego de Trabe
cine-cull
4 Apr 2025

O Concello de Culleredo, a través da Área de Xuventude, puxo en marcha a terceira edición de ‘Culleredo, de cine’, un programa formativo dirixido á mocidade baixo a dirección do cineasta Hugh McGinley. A iniciativa busca consolidar o formato da curtametraxe como ferramenta de aprendizaxe e expresión para os máis novos.

Nesta nova edición, o proxecto acadou unha participación récord, con 70 estudantes inscritos do IES Eduardo Blanco Amor e do IES Rego de Trabe. Durante a actividade, o alumnado implicarase en todas as fases da creación audiovisual, desde a escritura do guión ata a rodaxe. As curtametraxes resultantes estrearanse na feira Cullerciencia, que se celebra en xuño e conta cunha ampla afluencia de público.

A primeira tenente de alcalde e concelleira de Xuventude, Cristina Pardo, asistiu hoxe ao lanzamento do programa no IES Eduardo Blanco Amor, onde felicitou aos estudantes por sumarse á iniciativa. Destacou que será unha oportunidade para descubrir os segredos do cine e fomentar a creatividade, adquirindo coñecementos fundamentais sobre a narración audiovisual e a linguaxe técnica do cine.

O programa estrutúrase en varias fases, combinando formación teórica e práctica cun seguimento continuo do alumnado. Ao longo das sesións, aprenderán a definir historias adaptadas ao formato audiovisual, traballarán o ritmo narrativo e afondarán no guión técnico para evitar dificultades en produción e postprodución. Tamén recibirán formación sobre tipos de planos, movemento de cámara, deseño de storyboard e planificación da rodaxe.

O proxecto culminará cunha experiencia real de rodaxe, na que os propios estudantes asumirán os distintos roles dun equipo de filmación profesional. Eles e elas manexarán cámaras, luces e demais equipo técnico, adquirindo unha aprendizaxe inmersiva e práctica.

Con esta iniciativa, Culleredo reforza a formación audiovisual da mocidade e aposta polo impulso do talento creativo local, consolidando ‘Culleredo, de cine’ como unha das actividades de referencia do municipio no ámbito da educación e a cultura.

 

 

⚙ Configurar cookies
0.15916204452515