Culleredo dá o primeiro paso para acoller un centro de excelencia en economía circular en La Cros

ACoruñaXa
Alternativa dos Veciños fala de “ilegalidade” e o Partido Popular deféndeo con condicións
cull-cros
1 Aug 2025

O Pleno do Concello de Culleredo aprobou hoxe o cambio de uso urbanístico das parcelas que albergan as antigas naves da fábrica de La Cros, co obxectivo de permitir a implantación dun centro de excelencia para a competitividade en economía circular, promovido pola Fundación CETIM. O proxecto incluirá tamén equipamentos culturais de uso público e unha zona de aparcamento.

As dúas parcelas afectadas, dunha superficie de 3.300 e 12.466 metros cadrados respectivamente, estaban clasificadas no PXOM vixente como solo de uso comercial multiuso e docente. Co acordo plenario, pasan agora a ter consideración de dotacional público, con posibles usos socioculturais, educativos, deportivos, administrativos e múltiples.

O Concello contou cos informes favorables tanto da Xunta de Galicia como da Deputación da Coruña para avalar o cambio, garantindo así a seguridade xurídica do procedemento. A Dirección Xeral de Urbanismo da Xunta avaliou os usos permitidos e solicitou documentación técnica, como unha memoria informativa e planos detallados do ámbito afectado, que foron elaborados polo departamento de Urbanismo municipal.

O informe da Xunta conclúe que a modificación pode realizarse mediante acordo plenario, sen necesidade de seguir o procedemento ordinario de modificación do plan urbanístico, entrando en vigor coa súa publicación nos boletíns oficiais e no rexistro autonómico. A Asesoría Xurídica da Deputación ratificou tamén esta vía e considerou viable a implantación do centro do CETIM, ao manterse o carácter dotacional público das parcelas.

Segundo o consistorio, a concesión concreta das parcelas á fundación quedará pendente dun segundo pleno, que se celebrará proximamente. Segundo propuxo o PP, o alcalde José Ramón Rioboo convocará unha xuntanza de traballo cos diferentes grupos municipais para revisar o proxecto con representantes do CETIM.

A proposta contou cos votos favorables do grupo socialista e do PP, mentres que BNG e Alternativa votaron en contra. No mesmo punto do pleno tamén se acordou actualizar o inventario municipal conforme aos novos usos aprobados.

ALTERNATIVA DOS VECIÑOS

A cesión de 15.000 metros cadrados de solo público nas naves da Cros en Culleredo, aprobada no último pleno municipal, provocou un intenso debate político. Desde Alternativa dos Veciños cualifican o acordo de “ilegal” e anuncian recursos contra unha decisión que consideran unha cesión encuberta a unha entidade privada.

“Acordaron regalarlle unha propiedade do Concello a unha entidade privada”, denunciou Alternativa, que acusa a PSOE e PP de actuar “en contra das leis, da decencia política e do interese público”. Lembran que os terreos están cualificados para usos sociais, culturais e deportivos e que non se poden modificar sen un Plan Xeral de Ordenación Municipal, do que Culleredo carece. “Non se poden alterar os usos establecidos no plan parcial”, insisten, advertindo que levarán o asunto aos tribunais se se mantén a decisión.

A formación liderada por Tono Chouciño considera que a modificación urbanística vai en contra das necesidades da veciñanza: “As naves da Cros fanlle falta a Culleredo para equipamentos culturais, deportivos e sociais que se nos levan prometendo desde hai décadas”. Tamén propoñen alternativas como a vivenda de alugueiro público para preservar a titularidade municipal.

O PP

Pola súa banda, o Grupo Municipal do Partido Popular defendeu o seu apoio ao cambio de usos urbanísticos das parcelas da Cros, aínda que fixo fincapé en que non se trata dun “cheque en branco”. A portavoz popular, Izaskun García, asegurou que “grazas ao traballo do PP aprobouse un cambio de usos con seguridade xurídica, despois de que o goberno local o plantexase de forma chapuceira, sen informes claros nin diálogo”.

García advertiu que o seu grupo corrixiu “os graves erros do expediente inicial”, evitando que se aprobase nun mesmo pleno tanto o cambio de uso como a cesión, o que podería ter provocado que “a cesión fose nula”. Segundo dixo, o cambio é necesario para optar a proxectos de interese xeral, mais tamén é imprescindible garantir que “o solo público non se regale por 50 anos sen esixir nada a cambio”.

O PP propuxo crear unha comisión de traballo cos diferentes grupos políticos para negociar as contraprestacións mínimas que o Concello debe recibir. “Queremos economía circular, pero tamén transparencia circular, equidade circular e retorno circular para Culleredo”, resumiu García, quen insistiu en que a prioridade debe ser “blindar o patrimonio municipal” e garantir que calquera cesión reverta no beneficio colectivo.

⚙ Configurar cookies
0.17923307418823