Culleredo critica a visita sen aviso dunha responsable de Educación da Xunta

O Concello de Culleredo manifestou o seu malestar pola “falta de respecto e decoro institucional” amosada pola Consellería de Educación da Xunta ao realizar unha visita oficial ao municipio sen comunicarllo ao Concello, pero si acompañada de membros do Partido Popular local. Concretamente, a directora xeral de Ordenación e Innovación Educativa desprazouse onte ao CRA de A Choeira, confirmando que a ausencia de aviso non foi un despiste, senón unha "desconsideración premeditada".
Neste sentido, Cristina Pardo, primeira tenente de alcalde e concelleira de Educación, cualificou este comportamento de “partidista” e sinalou que a Consellería leva semanas ignorando a petición de reunión do Concello para tratar o estado dos colexios públicos de Culleredo. "Non teñen tempo para falar connosco, pero si para facerse fotos co seu partido. É unha burla”, afirmou Pardo.
A concelleira esixe que a Consellería responda “canto antes” á solicitude de encontro para abordar melloras urxentes nos centros educativos da localidade, que levan máis de 30, 40 e ata 50 anos sen recibir inversións significativas, segundo afirmou. O goberno local considera que esta actitude é impropia da Xunta de Galicia, coa que en xeral mantén unha excelente relación institucional, e espera unha rectificación inmediata por parte do departamento de Educación.