Culleredo convoca catro novas prazas na Policía Local para reforzar o cadro de persoal

ACoruñaXa
O alcalde, José Ramón Rioboo, destacou que a ampliación de persoal na Policía Local é “unha prioridade”
control-policia-local
4 Jul 2025

O Concello de Culleredo continúa avanzando na súa estratexia de reforzo da Policía Local. O Boletín Oficial do Estado publica a convocatoria do novo proceso selectivo que permitirá incorporar catro efectivos máis ao corpo municipal.

En concreto, ofértanse tres prazas de axente mediante o sistema de oposición libre e unha de oficial por mobilidade. A selección será realizada a través da Academia Galega de Seguridade Pública, e o prazo para presentar solicitudes será de 20 días hábiles a partir de mañá.

As persoas interesadas en optar ás prazas de acceso libre deberán cumprir os requisitos xerais para o subgrupo C1 da función pública, como dispoñer da titulación correspondente ou non padecer enfermidades que impidan o desempeño das tarefas. O proceso de oposición incluirá probas de coñecementos, lingua galega, condición física, tests psicotécnicos e recoñecemento médico.

Pola súa banda, a praza de oficial por mobilidade está dirixida a axentes en activo con, polo menos, tres anos de antigüidade no servizo.

Esta nova convocatoria súmase ás incorporacións recentes no corpo: catro axentes accederon ao posto tras completar a súa formación na Academia Galega de Seguridade Pública. Desde o pasado 30 de xuño, atópanse xa na fase de prácticas, que se prolongará durante tres meses.

Ademais, o Concello vén de concluír o proceso de promoción interna para tres oficiais, que xa están en activo desde o mes de xuño.

O alcalde, José Ramón Rioboo, destacou que a ampliación de persoal na Policía Local é “unha prioridade” ao tratarse dun ámbito “esencial” para o municipio, especialmente nun contexto de crecemento demográfico: “Culleredo segue experimentando un incremento poboacional”.

⚙ Configurar cookies
0.1954619884491