Culleredo convértese no epicentro do xadrez galego

ACoruñaXa
Celebrouse o I Alberto Xadrez Lóstrego, no Centro Social, Cultural e Recreativo de Rutis Vilaboa
xadrez-culleredo
27 Jan 2025

O Concello de Culleredo acolleu a celebración do I Alberto Xadrez Lóstrego nunha cita organizada polo Club Escola Xadrez Culleredo. Así, os asistentes gozaron dunha xornada de xadrez que consistiu nunha proba individual e doutra por equipos, ambas disputadas no Centro Social, Cultural e Recreativo de Rutis Vilaboa.

A primeira en celebrarse foi a proba por equipos, que contou coa participación de máis de 20 conxuntos. Comezou ás 11.00 horas e constou de seis roldas en total, que se prolongaron durante toda a mañá ata as 13.45 horas, cando se fixo a entrega de trofeos.

Xa pola tarde deu comezo a proba individual ás 16.15 horas, que contou coa participación de máis de 70 xogadores de todas as idades e niveis. Tivo oito roldas en total, rematando arredor das 19.45 horas, cando tivo lugar a entrega de premios desta categoría.

Os tres primeiros clasificados de cada categoría levaron un trofeo e unha delicatessen gastronómica da zona. Ademais, na proba individual, entregouse un premio de delicatessen gastronómica aos cinco primeiros clasificados, así como aos primeiros das categorías feminina, veterán (+55 anos) e para o primeiro clasificado do Club Escola Xadrez Culleredo. Do mesmo xeito, todos os xogadores sub12 recibiron unha medalla por participar. A tenente de alcalde e concelleira de Deportes, Cristina Pardo, e o concelleiro de Comercio, Mario Iglesias, participaron na entrega de premios, así como tamén felicitaron aos gañadores.

0.16324186325073