Culleredo convértese na capital galega da marcha nórdica con dúas probas pioneiras

O Paseo da Ría do Burgo acollerá este sábado, 31 de maio, unha cita histórica para a marcha nórdica en Galicia. O Concello de Culleredo será o escenario do I Trofeo Concello de Culleredo (Modalidade Open) e da I Copa Galega Xunta de Galicia, que reunirá a 150 deportistas nunha xornada que supón un paso adiante na promoción desta disciplina en auxe.
A competición está organizada conxuntamente polo Concello de Culleredo, o Club Atletismo Sada e a Federación Galega de Montañismo, e foi presentada este xoves no Edificio de Servizos Múltiples de O Burgo. No acto participaron a tenente de alcalde e concelleira de Deportes, Cristina Pardo; a vicepresidenta segunda da Federación, Marta Trueba; e representantes do club organizador, Fernando Míguez e José Manuel Iglesias.
Cristina Pardo destacou que acoller este tipo de eventos “é sempre unha excelente noticia para Culleredo”, e puxo en valor a aposta do municipio por disciplinas accesibles para todas as idades. “A marcha nórdica encaixa á perfección co noso modelo de deporte inclusivo e aproveita un entorno natural privilexiado como é o da Ría do Burgo”, sinalou.
Pola súa banda, Marta Trueba agradeceu o compromiso do Concello e amosouse confiada en que esta sexa a primeira de moitas edicións: “Temos todas as condicións para consolidar esta proba como unha referencia dentro e fóra de Galicia”.
Desde o Club Atletismo Sada tamén valoraron positivamente a alta participación e sinalaron que Culleredo será este sábado “epicentro galego e estatal da marcha nórdica”.
Dúas probas con distancias adaptadas
A competición desenvolverase na zona axardinada do paseo, cun percorrido circular que terá saída e meta fronte ao Gadis Hiper de O Burgo. A recollida de dorsais será de 10.00 a 13.o0 horas e de 15.00 a 15.30 horas, mentres que a charla técnica previa celebrarase de 13.00 a 14.00.
A saída oficial está prevista para as 16.00 horas, cun tempo máximo de competición de dúas horas e media. A entrega de premios será ás 19.30 horas, seguida dun sorteo de agasallos e unha pequena festa para os participantes.
A I Copa Galega Xunta de Galicia, destinada exclusivamente a deportistas federados, constará de cinco voltas ao circuíto (11,750 km), agás na categoría veteranos D, que dará catro voltas (9,400 km).
Pola súa parte, o I Trofeo Concello de Culleredo está aberto a toda a cidadanía, permitindo a participación de non federados. As e os participantes completarán tres voltas (7,050 km), salvo na categoría infantil, que realizará dous xiros ao circuíto (4,700 km).