Culleredo convértese esta fin de semana na capital do balonmán galego coa final four infantil
Culleredo converterase esta fin de semana na capital do balonmán galego coa disputa da final four infantil masculino e feminino, no pavillón de Tarrío o sábado 27 de abril, e o domingo 28 de abril.
A concelleira de Deportes e tenente de alcalde, Cristina Pardo; o vicepresidente da Federación Galega de Balonmán, Nacho Permuy; o presidente do Balonmán Culleredo, Darío Otón e Rubén Allegue, directivo do Balonmán Culleredo, presentaron oficialmente a cita este venres na Sala de Vídeo do Edificio de Servizos Múltiples.
Na categoría masculina participan o Balonmán Culleredo, o Supermercados camar Bueu, o Cisne Colexio Os Salgueiros e o BM Liña 21 Transgalo. Os horarios das semifinais de mañá sábado son:
- 10.45 horas: Supermercados Camar Bueu – Cisne Colexio Os Salgueiros
- 13.30 horas: Balonmán Culleredo Nosolomadera – BM Liña 21 Transgalo
A final será o domingo, 28 de abril, ás 16.00 horas, e o terceiro e cuarto posto ás 12.30 horas.
Na sección feminina participan o Tecnosat BM Cangas, Balonmán Porriño, Nordata Xiria e SAR Rodavigo. Os horarios das semifinais femininas son:
- 17.00 horas: Tecnosat BM Cangas – Balonmán Porriño
- 13.00 horas: Nordata Xiria – SAR Rodavigo
A final será o domingo, 28 de abril, ás 18.00 horas, e o terceiro e cuarto posto ás 10.30 horas.
Pardo incidiu en que “Tarrío converterase novamente no epicentro do balonmán en Galicia, que encherá o noso municipio de familias e de pequenas e pequenos deportistas. Desde o Balonmán Culleredo, o club que máis licenzas emite de toda Galicia, cónstanos que se está facendo un traballo encomiable e o organizar esta cita é bo exemplo. Desde o Concello de Culleredo desexamos que esta fin de semana sexa o máis próspero posible, e como non, desexar a mellor das sortes a todos os equipos, pero en especial ao Balonmán Culleredo”.
Pola súa banda, o vicepresidente da Federación Galega de Balonmán, Nacho Permuy, quixo agradecer “a Culleredo, a todas as persoas que estamos nesta mesa e a nivel global, o poder acoller estas fases finais con este formato. A experiencia que ten Culleredo sempre é garantía de éxito, e pola nosa banda desexámoslle a todos os equipos participantes a mellor das sortes”, destacou.
Darío Otón, presidente do Balonmán Culleredo, tamén agradeceu “tanto ao Concello como á Federación Galega de Balonmán o poder organizar unha final four na nosa casa. Para nós o máis importante é a formación, tanto persoal como deportiva, de tantos mozos e mozas que forman parte do noso club. Tentamos organizalo da mellor maneira posible e esperamos que sexa unha fin de semana boa para todas e todos, e que se goce ao máximo do balonmán”.
Ademais disputarase a final da división cadete feminina de baloncesto
Ademais do balonmán, Culleredo acollerá tamén a final da división cadete feminina de baloncesto, no pavillón do Burgo, durante o sábado e o domingo. Daranse cita o Traumacor Culleredo, o Costa Ártabra, o Celta Zorka Rekalvi e o Cafés Candeas Ensino. As semifinais xogaranse ás 10:30 e 12:30 horas do sábado. O partido polo terceiro e cuarto posto, o domingo ás 17:00 horas e a final, tamén o domingo ás 19:30 horas.
Tamén o domingo, 28 de abril, Castelo acollerá a XIII edición da ‘Travesía do Xalo’, con récord de participación na ‘andaina’ de 10 quilómetros, con máis de 500 persoas rexistradas. Á súa vez disputarase o trail, cun percorrido de 18 quilómetros e un desnivel de máis de 1000 metros. Ao finalizar ambas as probas celebrarase unha churrascada popular. Castelo Deporte, organizadora do evento, ofrecerá un ano máis a parte solidaria co apoio á Fundación Mari Paz Jiménez Casado.