Culleredo convértese de novo no epicentro do jazz galego coa XXIV edición do Festival BurgoJazz

O Concello de Culleredo volverá ser o corazón do jazz en Galicia coa celebración da XXIV edición do Festival BurgoJazz, que terá lugar do 4 ao 7 de xullo no emblemático Xardín Botánico da Ría do Burgo. Durante catro días, o público poderá gozar dunha programación diversa que mestura talento local con artistas de renome no panorama nacional e internacional.
O cartel deste ano inclúe sete actuacións que prometen converter cada noite nunha experiencia musical única. A xornada inaugural estará protagonizada polo Ensamble do Conservatorio Municipal de Culleredo, que actuará o venres 4 de xullo ás 20:30 horas. Trátase da segunda participación consecutiva do alumnado do centro no festival, consolidando así o seu papel neste evento. 'Este ano contamos con grandes nomes na programación, ademais de poder desfrutar da música dos nosos alumnos do Conservatorio, que volverán actuar nesta cita que xa se converteu nun imprescindible a nivel autonómico', sinalou o alcalde José Ramón Rioboo.
A noite continuará co dúo 'Latiendo América', formado polo violinista venezolano Pedro Montilla e o guitarrista brasileiro Mauricio Caruso, que subirán ao escenario ás 21:00 horas. A súa proposta combina raíces musicais latinoamericanas cunha interpretación refinada e profunda.
O sábado 5, a programación continúa cunha dobre cita: ás 20.30 horas, 'Paul Álvarez Dúo', onde o guitarrista flamenco Paul Álvarez se une ao pianista Iago Mouriño para ofrecer unha visión renovada do flamenco contemporáneo; e ás 21.50 horas, será a quenda do 'Valentín Caamaño Quartet', que presentará o seu cuarto disco 'All the Gods', recoñecido pola crítica e nomeado aos Premios Martín Códax da Música.
O domingo 6, ás 20.30 horas, actuará o 'Ton Risco Quinteto', liderado polo vibracionista galego Ton Risco, quen presentará o seu álbum 'Sete'. Completan o quinteto músicos destacados como William Díaz, Pablo Añón, Alfonso Calvo e Miguel Cabana. Ás 21.50 horas, o 'Colectivo Zafra' tomará a remuda co seu traballo 'Tiempo al tiempo', unha fusión contemporánea entre jazz, ritmos urbanos e influencias latinas e europeas.
O broche de ouro do festival chegará o luns 7 de xullo ás 21.00 horas da man de 'Josemi Carmona', quen ofrecerá o espectáculo 'Mi vida, mi música'. Acompañado por cinco músicos, entre eles Rafita de Madrid e Bandolero, Carmona propón unha viaxe sonora onde 'o flamenco, o rock, o pop e o jazz' dialogan para construír un son fresco e orixinal. Fillo do lendario guitarrista Pepe Habichuela e membro destacado de Ketama, Carmona traerá a Culleredo unha proposta que bebe das súas raíces e experimentacións máis persoais.
A concelleira de Cultura, Penélope López, destacou a aposta do Concello por 'unha programación diversa e de calidade, que combina talento local con figuras de proxección nacional como Josemi Carmona, buscando ofrecerlle ao público unha oferta atractiva e variada'. Unha nova edición do BurgoJazz que confirma a Culleredo como parada obrigada para os amantes do jazz e das músicas con alma.