Culleredo continúa co programa de formación en arbitraxe co colexiado Diego Seoane
O Concello de Culleredo continua co programa de formación en arbitraxe co colexiado Diego Seoane, que pita en Preferente a nivel Galicia. A Administración local e o Comité Técnico Gallego de Árbitros de Fútbol xa iniciaran en febreiro de 2023 o proxecto pioneiro para promover esta vertente do deporte entre os mozos do municipio, que tivo continuidade o pasado luns no IES Eduardo Blanco Amor.
Neste sentido, unha trintena de escolares puideron así entrar en materia, equipados xa con tarxetas, chifre e equipamento profesional, que se lles regalou antes de comezar a sesión, para posteriormente traballar sobre o terreo.
Esta Escola de Arbitraxe, de mans do Comité Técnico, inclúe a arbitraxe dos mozos na propia liga escolar. Esta iniciativa non se realizou nunca en España. Con esta proposta búscase ‘enganchar’ aos rapaces, que verán o seu labor reflectido en partidos cos seus propios compañeiros.
O goberno municipal sinala que a través deste programa “promóvese a deportividade e dótase de ferramentas ao alumnado para que coñezan a materia da mellor maneira posible”. O Concello agradece a implicación da dirección e profesorado do Blanco Amor para levar a cabo a actividade, que pronto levará a cabo no Rego de Trabe.