Culleredo contará coa veciñanza de Castro Laxe para decidir o uso dunha nova parcela municipal

O Concello de Culleredo vén de anunciar que abrirá un proceso de participación cidadá co obxectivo de que sexan os propios veciños e veciñas de Castro Laxe quen decidan o uso que se lle dará á nova parcela municipal adquirida recentemente. O terreo, cunha superficie de 3.114 metros cadrados, foi comprado polo Concello para ampliar as opcións de espazo público neste núcleo.
O alcalde, José Ramón Rioboo, aposta por unha planificación “100 % axustada ás demandas veciñais”, e por iso se habilitará un procedemento específico de consulta á cidadanía. “O avance do municipio ten que ir sempre da man da veciñanza”, sinalou o rexedor.
A parcela atópase ao carón da principal zona de equipamentos de Castro Laxe, onde están situados o centro cívico, a pista deportiva e o parque infantil. Entre as propostas que se están a valorar figuran a creación dunha zona verde con mobiliario urbano, novas instalacións deportivas, a ampliación do centro veciñal ou un novo espazo infantil.
Nos vindeiros días, o Concello detallará os mecanismos habilitados para participar no proceso. As veciñas e veciños poderán escoller entre varias opcións xa formuladas, pero tamén presentar novas propostas que consideren de interese para o núcleo.
A adquisición da parcela supuxo un investimento de 225.189,96 euros, e responde á necesidade de dispoñer de solo público nunha contorna que concentra boa parte da actividade social do núcleo. “Esta nova parcela supón unha oportunidade para crear servizos que respondan ás necesidades reais da veciñanza”, concluíu Rioboo.