Culleredo contará coa exposición 'Onde habitan os Recordos'

O Concello de Culleredo acollerá a mostra 'Onde habitan os Recordos', organizada por Raquel Pampín e María Martelo, dúas estudantes de Belas Artes da Universidade de Vigo, coa colaboración do Concello. Unha exposición sobre identidade e memoria aberta á participación veciñal, que terá lugar os días 22 e 23 de febreiro na Rectoral de Celas e na que se exhibirán fotografías e obxectos antigos.
Calquera persoa interesada poderá colaborar enviando as súas propostas antes do 10 de febreiro. Para facelo, abonda con fotografar as propostas e envialas por correo electrónico a ondehabitanosrecordos@gmail.com, onde as dúas comisarias do evento as avaliarán e decidirán cales serán expostas na mostra.
'Onde habitan os Recordos' busca iniciar un diálogo sobre a identidade e a memoria, partindo da base de que a mellor maneira de facelo é deixando que sexan os propios veciños e veciñas quen acheguen as súas fotografías e obxectos antigos favoritos. Segundo explican as comisarias do evento, non é necesario ser artista para participar, xa que simplemente buscan sacar á luz “os tesouros que se agochan no baúl dos recordos da xente da Coruña”.
Para iso, queren recompilar as fotografías e obxectos que traian bos recordos, aqueles que falan dos modos de vida de antes e das tradicións, todo coa intención de, indican desde o Concello, “crear un mosaico de experiencias que permita, desde a colectividade, poñer o foco na pegada que deixa, case sen decatarnos, a nosa cultura e a nosa terra”.
Acéptanse fotografías antigas e toda clase de obxectos artesanais, como traballos de cestería, olaría, cerámica, cristalería, carpintería, traballos en madeira, pezas téxtiles ou outros obxectos como xoguetes, utensilios ou mobiliario.