Culleredo conmemora o Outubro Folk con dúas xornadas de música tradicional e actividade cultural

A Agrupación Folclórica Ancoradoira celebra o seu 35º aniversario cunha nova edición do Outubro Folk, que converterá a explanada do Paseo Marítimo do Burgo no epicentro da música e da cultura tradicional galega os días 24 e 25 de outubro. O evento conta coa colaboración do Concello de Culleredo e da Deputación da Coruña.
A programación arrinca o venres 24, ás 19.00 horas, cos cantos de taberna, que percorrerán 16 establecementos de O Burgo ao longo da tarde. A actividade pecharase ás 22.00 horas na explanada do Paseo Marítimo cunha foliada aberta.
O sábado 25 será unha xornada chea de propostas para todas as idades. Ás 12.00 horas celebrarase o festival infantil, con actuacións de Os Rueiriños, a Agrupación Cultural A Madreña e a AF Ancoradoira. Ás 13.30 horas terá lugar un xantar popular cunha gran paella.
Desde as 15.00 horas, o CullerFolk tomará o relevo coas actuacións de Xilbatuxeiras, Amigos da Gaita, Aire e Pau, As Raiñas e a propia Agrupación Folclórica Ancoradoira. A música continuará ás 19.00 horas cun pasarúas por O Burgo, previo ao Festival Folclórico do 35º aniversario de Ancoradoira, no que participarán Meigas e Trasgos, a AC A Madreña e a agrupación anfitrioa. A despedida será, de novo, cunha foliada a partir das 22.00 horas.