Culleredo completa o proceso de contratación para os novos servizos de mantemento das zonas verdes

O Concello de Culleredo porá en marcha este luns 23 de xuño todos os servizos de mantemento de zonas verdes incluídos no novo contrato municipal, logo de superar o longo e complexo proceso administrativo de licitación. Os lotes que inicialmente quedaran desertos —a zona rural e O Burgo, por unha banda, e o paseo marítimo, por outra— xa teñen todo listo para o seu inicio, a cargo da nova adxudicataria, a empresa Alvac.
A compañía completou a subrogación do persoal da anterior concesionaria, Jardincelas, que cesou na súa actividade. Esta foi unha condición indispensable imposta polo Concello dende o inicio. Os traballadores xa están dados de alta, formados no uso da nova maquinaria adscrita ao servizo e pasaron hoxe os recoñecementos médicos preceptivos. Os equipos están organizados para comezar as tarefas o luns.
O alcalde, José Ramón Rioboo, subliñou que “a posta en marcha das novas prestacións de servizos foi unha prioridade para atender cuestións básicas do día a día da cidadanía”. Recoñeceu que o proceso foi “moito máis complexo e farragoso” do desexado, condicionado pola ausencia inicial de empresas ofertantes nalgúns lotes, a incerteza sobre o futuro do persoal, recursos doutras compañías e os tempos que marcan os procedementos administrativos.
Pola súa parte, o concelleiro de Servizos, Carlos Liñares, acordou coa adxudicataria un plan de acción para recuperar progresivamente todas as zonas que sufriron nos últimos meses unha falta de mantemento periódico. “Abordaranse de forma gradual todos os puntos afectados, dando así resposta a todas as demandas de melloras trasladadas polos veciños de urbanizacións ou núcleos”, asegurou Liñares.
Entre as novidades do novo contrato figura o mantemento do mobiliario urbano das zonas verdes, que permitirá reparar bancos, papeleiras, valados e outros elementos, así como realizar tarefas de limpeza, pintado e tratamento da madeira, actuacións moi solicitadas pola veciñanza. Tamén se incorporará un programa de sanidade vexetal con tratamentos fitosanitarios para loitar contra pragas como o picudo vermello das palmeiras ou a procesionaria do piñeiro, cada vez máis presentes en Galicia.
Estes novos traballos súmanse aos xa en marcha nos lotes de Rutis e dos hortos urbanos —este último xestionado a través dun centro especial de emprego—. En conxunto, o servizo abranguerá 592.632,44 metros cadrados de zonas verdes.
O contrato tamén contempla o mantemento dos campos de fútbol municipais, tanto de herba natural como artificial, que contarán cun plan específico para garantir que o céspede se atope en condicións óptimas para a práctica deportiva.