Culleredo clausura os campamentos de verán con máis de 500 participantes

ACoruñaXa
O programa 'Mañás de campamento' reuniu nenos e nenas de 3 a 12 anos con actividades educativas e de lecer para facilitar a conciliación das familias
CULLEREDO fin campamentos
31 Aug 2025

O Concello de Culleredo puxo o punto final aos campamentos de verán 'Mañás de campamento' cunha festa en cada un dos centros educativos participantes, que se sumou a unha excursión conxunta polo paseo Tierno Galván.

A iniciativa, destinada a apoiar a conciliación familiar durante os meses estivais, contou coa participación de 524 rapaces e rapazas de entre 3 e 12 anos, unha cifra superior á de anos anteriores. Tamén aumentou a demanda dos servizos complementarios de almorzo e xantar, cubríndose todas as prazas dispoñibles.

Os campamentos desenvolveron diferentes quendas desde xuño e incluíron unha ampla variedade de actividades lúdico-educativas, centradas en ámbitos como a saúde, a intelixencia emocional, a interculturalidade e o respecto polo medio ambiente. As sesións tiveron lugar nos CEIP Sofía Casanova, CEIP Isaac Díaz Pardo e CEIP Vila de Rutis, ademais de diversas saídas ao aire libre.

A tenente de alcaldesa e concelleira de Educación, Cristina Pardo, compartiu tempo cos nenos e nenas nesta edición e transmitiulles os seus mellores desexos para o inicio do curso escolar, subliñando que o obxectivo é que estas semanas foran “unha experiencia positiva, enriquecedora e divertida”.

⚙ Configurar cookies
0.1661229133606