Culleredo celebrará o Samaín e o Magosto con dúas xornadas de música, teatro e gastronomía

ACoruñaXa
O 31 de outubro e o 1 de novembro Ledoño e Celas acollerán pulpada verbena queimada títeres e o reparto de 500 quilos de castañas asadas
CULLEREDO samain
19 Oct 2025

O Concello de Culleredo prepara unha programación especial para o Samaín de Ledoño que combina tradición, cultura e lecer para todas as idades. O evento, organizado pola Asociación Cultural O Lagarto de Ledoño coa colaboración municipal, celebrarase en dúas xornadas: venres 31 de outubro e sábado 1 de novembro.

As actividades arrincarán o venres ás 20.00 horas cunha gran pulpada popular —na que tamén se poderá degustar orella— e música tradicional a cargo de Os Larpeiros de Altamira. A continuación, verbena co Grupo Fussión, a disco móbil Impacto e o DJ Nyan Boe. Á medianoite terá lugar a tradicional queimada e, de madrugada, ás 3.30 horas, serviranse as coñecidas sopas de cabalo canso para pechar a xornada. O sábado 1 de novembro a festa continuará cunha sesión vermú amenizada por Eduardo Revelación.

Dentro da programación cultural, o Centro Social e Cultural de Celas acollerá o venres 31 ás 19.00 horas a obra de monicreques 'Buh! Que medo!', da compañía Teatro Escena, enmarcada no XXX Festival Internacional de Galicreques 2025 e no programa municipal Culleredo en Escena. Ademais, ese mesmo día haberá actividades e animación infantil no Centro Cultural de Almeiras.

Como broche final, o sábado 1 de novembro celebrarase a Gran Festa do Magosto no parque recreativo de Celas, un dos encontros máis concorridos da comarca, no que se repartirán máis de 500 quilos de castañas asadas, xunto con outros produtos típicos destas datas.

⚙ Configurar cookies
0.073532104492188