Culleredo celebrará a cuarta edición da andaina solidaria 'CaminEMos por la esclerosis múltiple'

O Paseo Marítimo da Ría do Burgo acollerá este domingo, 29 de xuño, a cuarta edición de 'CaminEMos por la esclerosis múltiple', unha andaina solidaria promovida pola Asociación Coruñesa de Esclerosis Múltiple (ACEM) coa colaboración do Concello de Culleredo. A iniciativa busca dar visibilidade á esclerose múltiple e achegar a veciñanza a esta realidade a través dun percorrido accesible de 2 quilómetros.
A saída está prevista para as 11.00 horas, mais as persoas participantes deberán estar no punto de encontro, no propio paseo, ás 10.45 horas. A inscrición pode formalizarse ata o venres 27 de xuño ás 12.00 horas, cun prezo de 10 euros que inclúe unha mochila e unha camiseta conmemorativa como agasallo.
As inscricións poden realizarse de forma presencial na sede de ACEM, nos teléfonos 981 240 985 e 677 477 495 ou a través do formulario web habilitado pola entidade. Ademais, todas aquelas persoas que xa se anotaran para a edición deste ano, inicialmente suspendida por causas alleas á organización, non terán que abonar novamente o importe.
A concelleira de Cohesión Social, Marta Figueroa, reuniuse recentemente con representantes da asociación para pechar os detalles da cita e coordinar os distintos aspectos organizativos. O Concello colaborará activamente para facilitar o desenvolvemento do evento, reforzando así o seu apoio ao tecido asociativo local e á visibilización de causas sociais como esta. O consistorio anima á participación cidadá nesta iniciativa que mestura solidariedade, saúde e compromiso social nun contorno natural e accesible.