Culleredo celebra o Día da Música co concerto de Francisco Castro & A Banda dos Borges

O Concello de Culleredo súmase á celebración do Día da Música cun concerto especial de Francisco Castro & A Banda dos Borges, que terá lugar este sábado, 21 de xuño, ás 20.30 horas no Auditorio do Edificio de Servizos Múltiples de O Burgo. A entrada será libre e gratuíta ata completar aforo, sen necesidade de reserva previa.
Esta actuación forma parte do programa municipal Culleredo en Escena e insírese na Festa da Música impulsada pola Deputación da Coruña, unha iniciativa que está a levar propostas musicais a numerosos concellos da provincia ao longo deste mes.
Neste concerto, o recoñecido escritor galego Francisco Castro presentará o seu primeiro traballo discográfico, Agora é o tempo, acompañado pola formación A Banda dos Borges. Trátase dunha nova etapa artística para o autor, que aposta pola música como canle de expresión, cun estilo que transita entre o rock and roll e o funkie.
A través das súas letras, Castro aborda temas contemporáneos desde unha perspectiva crítica e reflexiva, buscando “comprender o mundo e sinalar aquilo que considera necesario transformar”, nun exercicio artístico que traslada á música o compromiso presente na súa obra literaria.
Culleredo prepárase así para unha noite de música e reflexión, nun evento que conxuga cultura, pensamento e celebración.