Culleredo celebra o aval da Xunta para levantar 17 vivendas públicas en Vilaboa

O Concello de Culleredo amosou hoxe a súa satisfacción polo visto e prace do Consello da Xunta á construción dun edificio de vivenda pública en Vilaboa, na rúa Domingo Sierra. A decisión do Goberno galego dá resposta á iniciativa trasladada polo executivo municipal o pasado ano.
A proposta xurdiu da reunión celebrada en setembro de 2024 entre o alcalde de Culleredo, José Ramón Rioboo, a concelleira de Urbanismo, Marta Iglesias, e a delegada da Consellería de Vivenda, Begoña Freire. Durante aquel encontro, o rexedor suxeriu empregar esta parcela de titularidade autonómica como enclave idóneo para impulsar novas vivendas públicas no municipio.
Ademais, Rioboo puxo enriba da mesa outras opcións de solo en distintos núcleos, co obxectivo de que a Xunta as valore ante a elevada demanda residencial existente en Culleredo.
Segundo informou o Goberno galego, o proxecto prevé a creación de 17 vivendas. O primeiro paso será redactar o proxecto básico e o documento de execución das obras.
'Trátase dunha boa nova para avanzar na ampliación do parque público de vivenda en Culleredo, pero agardamos que sexa só o inicio de máis actuacións porque a necesidade social é evidente', subliñou o alcalde.