Culleredo celebra o anuncio dunha renovación integral do paseo marítimo da ría de O Burgo

ACoruñaXa
A intervención abranguerá os 3,2 quilómetros do tramo correspondente ao termo municipal de Culleredo
cull-paseo
4 May 2025

O alcalde de Culleredo, José Ramón Rioboo, mostrou a súa satisfacción tras o anuncio realizado polo Goberno do Estado para levar a cabo a renovación integral do paseo marítimo da ría de O Burgo, unha das zonas máis afectadas polas obras de dragado recentemente realizadas.

O mandatario local lembraba que esta actuación era unha prioridade para o Concello e que el mesmo se desprazara a Madrid o pasado mes de febreiro para abordar a cuestión co secretario de Estado de Medio Ambiente, Hugo Morán, e coa directora xeral da Costa e o Mar, Ana Oñoro. Aquel encontro concluíu cun compromiso firme que agora se traduce nunha actuación dotada cun orzamento de 5 millóns de euros, como confirmou o delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco.

“Quero agradecer a implicación do secretario de Estado e da directora xeral, así como do delegado e subdelegada do Goberno, porque foron sensibles ante unha necesidade que presenta o noso paseo para estar acorde coa rexeneración ambiental histórica realizada na ría”, expresou Rioboo.

A intervención abranguerá os 3,2 quilómetros do tramo correspondente ao termo municipal de Culleredo e consistirá na reparación de todos os elementos afectados polo paso da maquinaria durante o dragado. Entre outras actuacións, renovaranse os pavimentos, a balaustrada e outras estruturas danadas. O Concello e a Demarcación de Costas manterán unha reunión nos vindeiros días para coordinar os traballos.

“Con esta inversión millonaria e o novo contrato de xardinaría, o paseo marítimo recuperará o seu esplendor”, asegurou o alcalde. Rioboo destacou tamén a importancia deste espazo como punto de encontro cidadán: “Contará con todas as condicións para ser unha referencia para facer deporte, camiñar ou simplemente gozar dunha xornada xunto a unha ría renovada”.

Respecto ao mantemento dos espazos verdes, o Concello está a piques de adxudicar un novo contrato de xardinaría tras concluír o segundo procedemento de licitación, logo de que o primeiro quedara deserto para esta zona concreta do paseo. Ata o momento, só se puideron realizar actuacións puntuais debido á falta de adxudicatario. Na zona de Vilaboa – Rutis, porén, a prestación do servizo non se viu interrompida, xa que correspondía a outra empresa. O lote correspondente aos hortos urbanos tamén foi adxudicado, neste caso a través dun centro social de emprego.

Rioboo concluíu destacando que “o paseo marítimo de O Burgo é un espazo de referencia para os veciños de Culleredo e da área metropolitana e hai que coidalo máis ca nunca”.

⚙ Configurar cookies
0.16336584091187