Culleredo celebra este sábado o XIV Festival de Outono da Coral Fonte do Souto

O Concello de Culleredo acollerá este sábado, 8 de novembro, unha nova edición do Festival de Outono da Coral Fonte do Souto, unha cita xa consolidada dentro da programación cultural do municipio e que este ano chega á súa décimo cuarta edición.
O evento, que conta coa colaboración do Concello de Culleredo, celebrarase na igrexa nova de Tarrío a partir das 19.30 horas, con entrada libre e de balde para todas as persoas interesadas.
Nesta edición participarán un total de catro agrupacións: a Coral Polifónica de Cariño, o Orfeao de Oliveira do Douro (Portugal), a Coral Polifónica Padronesa e a anfitrioa, a Coral Fonte do Souto de Culleredo. Deste modo, o festival reunirá formacións corais procedentes de distintos puntos de Galicia e tamén do país veciño, nunha cita que promete unha xornada musical de gran calidade e convivencia cultural.