Culleredo celebra a XXX edición do Certame de Canto Coral con presenza internacional

ACoruñaXa
Celebrarase o 32º aniversario da propia Coral Fonte do Souto, anfitrioa do encontro
cull-canto-coral
26 Apr 2025

A música coral volverá ser protagonista este sábado, 26 de abril, en Culleredo coa celebración da trixésima edición do Certame de Canto Coral, unha cita xa emblemática organizada pola Coral Fonte do Souto, en colaboración co Concello de Culleredo.

O evento terá lugar na Igrexa nova de Tarrío a partir das 19.30 horas, con entrada libre e gratuíta para todo o público. Nesta edición especial, non só se celebrará o compromiso coa música coral ao longo de tres décadas, senón tamén o 32º aniversario da propia Coral Fonte do Souto, anfitrioa do encontro.

O certame contará cun cartel de luxo no que participarán, ademais da agrupación local, a Coral Polifónica Eumesa de Pontedeume, a Coral Divo Canto procedente de Coímbra (Portugal), e a Coral Polifónica de Campo Lameiro, da provincia de Pontevedra. As formacións interpretarán un repertorio variado que abranguerá desde a polifonía clásica ata pezas de música contemporánea, garantindo así unha experiencia musical rica e diversa para as persoas asistentes.

Dende a organización destacan que esta edición é “un motivo de dobre celebración” e agardan “encher a igrexa de voces e emocións compartidas”. O certame consolidouse como unha referencia no panorama cultural da comarca e este sábado promete ser unha nova mostra da vitalidade e irmandade do canto coral galego... e máis aló.

⚙ Configurar cookies
0.16070103645325