Culleredo brinda a 74 familias bolsas para comedores escolares non xestionados pola Xunta

ACoruñaXa
As bolsas abonaranse de inmediato aos beneficiarios tras completarse o período de exposición ao público
Imaxe de nenos de Culleredo xogando no campamento de verán do ano 2022
22 Feb 2024

O Concello de Culleredo concede un total de 74 bolsas para escolares que acoden a comedores non xestionados pola Xunta de Galicia e que por tanto non poden optar ás axudas autonómicas. A iniciativa foi impulsada por primeira vez polo goberno local ante a situación real destas familias que carecen da subvención da administración galega.

A listaxe final de beneficiarios publicouse  na sede electrónica do Concello. Agora, e como marca o trámite administrativo, abrirase o período de exposición ao público para poder presentar alegacións, tras o cal se procederá ao pago inmediato das axudas de comedor.

Con isto, o Concello de Culleredo, por outra banda, xa ultima as bases para a convocatoria de axudas do curso 2023/2024, que se convocará proximamente.

A concelleira de Benestar Social, Marta Figueroa, sinala que “esta liña de axudas responde á cobertura dunha das necesidades básicas en materia educativa; non só por dar un servizo imprescindible ás nenas e nenos, senón tamén para favorecer a conciliación de tantas familias do noso municipio”, sinalou.

 

0.18716382980347