Culleredo atribúe a un cambio de criterio de Augas de Galicia o atraso na limpeza do regato de Augas Mansas

O Concello de Culleredo emitiu un comunicado para aclarar a situación arredor da limpeza e do mantemento do cauce fluvial que atravesa a urbanización Augas Mansas, despois de que nos últimos días o asunto derivase en polémica pública e en mobilizacións veciñais na zona.
Segundo a versión municipal, o expediente tramitouse inicialmente polos procedementos habituais, pero un cambio de criterio comunicado por Augas de Galicia obrigou a iniciar unha nova vía administrativa. O goberno local afirma que actuou ‘de inmediato’ e que abonou a taxa corrixida por importe de 137,30 euros o 03 de decembro de 2025.
Con todo, o Concello sinala que, transcorrido xa máis dun mes e medio desde ese pago, non recibiu ningunha resolución, autorización nin comunicación formal que permita executar os traballos. Por iso entende que non se pode xustificar o atraso por ‘prisas’ do Concello e sostén que a demora responde a unha cuestión administrativa allea á administración local.
No comunicado, Culleredo defende que as actuacións solicitadas son tarefas ordinarias de limpeza e conservación (desbroce, retirada de vexetación e mantemento), sen movementos de terras nin modificación da sección hidráulica, e anuncia que pedirá unha reunión técnica e institucional con Augas de Galicia para clarificar o procedemento tamén noutros casos. Ademais, indica que trasladará a situación á Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) ao considerar que é un problema que afecta a máis concellos.
O goberno local tamén lamenta a confrontación xerada e critica a utilización política do asunto por parte do PP de Culleredo.
Pola súa banda, Augas de Galicia respondeu estes días que non denegou a actuación solicitada, e que a petición remitida polo Concello non puido ser valorada ao carecer de información suficiente sobre os traballos previstos.