Culleredo aproba unha declaración institucional para a execución urxente de beirarrúas na AC-400

ACoruñaXa
A moción, que conta co apoio unánime do pleno municipal, insta á Xunta a mellorar a seguridade viaria no tramo entre Sueiro, Sésamo e Celas
CULLEREDO ac400
10 Sep 2025

O Concello de Culleredo aprobou por unanimidade no pleno do pasado martes 9 de setembro unha declaración institucional que reclama á Xunta de Galicia a execución urxente de beirarrúas na estrada autonómica AC-400, no tramo comprendido entre os núcleos de Sueiro, Sésamo e Celas. Esta medida responde ás reiteradas demandas da veciñanza, que leva anos solicitando melloras na seguridade viaria desta vía, especialmente para os peóns.

A moción aprobada insta á Axencia Galega de Infraestruturas (AXI) a elaborar e aprobar de inmediato o proxecto técnico necesario, establecendo un calendario claro de licitación e execución que se reflicta nos orzamentos de 2026. Ademais, subliña a importancia de que as beirarrúas sexan continuas e dean servizo a todos os núcleos afectados, garantindo a seguridade tanto de peóns como de vehículos.

O goberno municipal destacou que esta actuación é fundamental para mellorar a calidade de vida dos veciños e veciñas das parroquias de Sueiro, Sésamo e Celas, e comprometeuse a seguir acompañando á cidadanía nesta loita, que cualifican de "xusta e necesaria". Así mesmo, urxiron á Consellería de Infraestruturas e Mobilidade a atender sen máis dilacións esta demanda, que afecta directamente ao benestar e á protección das persoas.

⚙ Configurar cookies
0.18093705177307