Culleredo aposta pola modernización da zona rural con nova iluminación en Mansosol

O Concello de Culleredo segue avanzando no seu plan de mellora e modernización dos servizos nas parroquias rurais. Nesta ocasión, vén de licitar unha actuación na urbanización Mansosol, situada na parroquia de Rutis, centrada na renovación integral da iluminación pública. O proxecto conta cun orzamento de 188.154,90 euros, cofinanciados pola Deputación da Coruña a través do Plan Único.
Os traballos afectarán ás rúas Liberdade, Democracia, Fraternidade e Igualdade, onde se procederá á substitución do actual sistema de iluminación por un novo modelo máis eficiente e sostible. Instalaranse un total de 66 puntos de luz con tecnoloxía LED, co obxectivo de reducir o impacto ambiental e fomentar o aforro enerxético, sen comprometer a calidade da iluminación.
A actuación inclúe tamén a renovación do centro de mando, situado na rúa Liberdade, así como a reposición dos báculos existentes. Como novidade, a nova rede de iluminación contará cun sistema de telexestión, que permitirá o control en tempo real do funcionamento, adaptando a súa programación ás necesidades específicas segundo a época do ano.
O alcalde de Culleredo, José Ramón Rioboo, destacou que esta obra forma parte dun plan máis amplo de melloras nas parroquias: “Acometeremos un conxunto de obras na rede viaria e servizos de cada parroquia que responden ás demandas reais dos veciños de cada unha”.
Rioboo avanzou ademais que en breve comezarán outras actuacións, como a renovación do firme na zona de Vinxeira, xa adxudicada, ou a rehabilitación dos camiños en Ermida de Ternande, entre outras intervencións previstas. O compromiso do executivo local, segundo subliñou o rexedor, é continuar mellorando os servizos básicos e a calidade de vida da veciñanza nas zonas rurais do municipio.