Culleredo agarda o paso das máis de 100 parellas participantes do Rally A Coruña

ACoruñaXa
O alcalde de Culleredo, José Ramón Rioboo, recibiu ao piloto de Almeiras, Sergio Sánchez Pardo
rally-culleredo 2
20 Mar 2025

O Rally A Coruña volve un ano máis a Culleredo, consolidándose como unha das probas de referencia no calendario automobilístico galego. A competición, que celebra a súa 29ª edición, reunirá a máis de 100 parellas participantes e atraerá a centos de afeccionados ás estradas do municipio.

A proba terá lugar este sábado 22 de marzo e incluirá o tramo A Laracha-Culleredo, que percorrerá puntos emblemáticos como Boedo. Os participantes afrontarán este percorrido en dúas quendas, a primeira ás 16.39 horas e a segunda ás 19.34 horas. Como preludio á competición, o venres 21 pola mañá celebrarase o tradicional shakedown, un tramo de proba que permitirá aos pilotos axustar os últimos detalles dos seus vehículos.

UN PILOTO DE CULLEREDO

O alcalde de Culleredo, José Ramón Rioboo, recibiu ao piloto de Almeiras, Sergio Sánchez Pardo, na antesala da súa participación no Rally. Acompañado da primeira tenente de alcalde e concelleira de Deportes, Cristina Pardo, o rexedor coñeceu o vehículo, un Peugeot 205 Rallye, co que desde mañá competirá nesta veterana proba.

Sergio Sánchez comezou neste deporte en 2009. “O coche está completamente feito en Almeiras”, explicou ao alcalde. E é que o piloto foi modelando el mesmo o seu vehículo de rally, pouco a pouco e realizando un importante investimento.

“A ilusión é a que me move e con ela parto neste rally, que ademais pasa polo meu concello”, manifestou. Precisamente, o novo treito habilitado este ano pola organización en Culleredo, a subida desde Celas, é o que lle esperta maior entusiasmo.

Rioboo felicitouno por “todo o esmero e dedicación” para labrarse un oco nesta disciplina. “Nótase moito a túa paixón e iso é fundamental no deporte”, apuntou, ao tempo que recoñeceu o orgullo que sente por levar o nome de Culleredo consigo.

O alcalde desexoulle “toda a sorte do mundo” para o rally en nome do Concello. Sergio Sánchez, un piloto de Culleredo entre os 102 equipos participantes, irá acompañado polo seu copiloto, Luis Prego Santos.

Rioboo fai un chamamento ao público para que “siga escrupulosamente as normas e indicacións do persoal de seguridade e da organización da proba para vivir a competición sen ningún risco”.

 

⚙ Configurar cookies
0.11275100708008