Culleredo activa unha programación especial nas súas bibliotecas para conmemorar o 25N

As bibliotecas públicas do Concello de Culleredo celebrarán o Día Internacional da Eliminación da Violencia contra as Mulleres cun programa especial dirixido a todos os públicos. Tanto a Biblioteca Miguel González Garcés de O Burgo como a Biblioteca José Cardeso Liñares de Vilaboa instalarán estes días unha exposición temática con obras dedicadas á igualdade, á prevención da violencia machista e á sensibilización social. A selección incluirá títulos para público adulto e infantil, co obxectivo de promover a reflexión colectiva e achegar diferentes visións arredor desta realidade.
Ademais, a Biblioteca Miguel González Garcés acollerá o mércores 26 de novembro unha sesión de contacontos a cargo de Pérez & Fernández, que presentarán a proposta de narración oral e obxectos 'Rosa e Azul'. A actividade desenvolverase ás 17.30 horas, está dirixida ao público familiar e recoméndase especialmente para nenas e nenos maiores de 4 anos. A entrada será libre ata completar a capacidade da sala.