Culleredo activa unha nova liña de axudas para clubs e asociacións deportivas por 200.000 euros

O Concello de Culleredo porá en marcha un programa de subvencións dirixido aos clubs e asociacións deportivas do municipio cun orzamento global de 200.000 euros. O obxectivo é dinamizar a actividade física, soster a estrutura das entidades e favorecer a práctica deportiva en todas as idades e categorías.
O período subvencionable abranguerá do 1 de xaneiro de 2024 ao 31 de decembro de 2025. As bases establecen tres liñas en función do perfil das entidades e do seu ámbito de actuación: 80.000 euros para o deporte de competición que participa en ligas de ámbito estatal; 70.000 euros para asociacións e clubs deportivos agás os de fútbol-11; e 50.000 euros reservados especificamente para clubs de fútbol de campo.
As axudas poderán cubrir ata o 100% do proxecto dentro dos límites recollidos nas bases. Considéranse gastos subvencionables, entre outros, o persoal técnico, os custos correntes, as pólizas de seguro, o material deportivo, as viaxes, o alugueiro de instalacións e o equipamento.
As solicitudes deberán tramitarse a través da Sede Electrónica municipal empregando os modelos normalizados da convocatoria. O prazo de presentación será de 15 días hábiles a partir do día seguinte á publicación do extracto no Boletín Oficial da Provincia. A información das diferentes liñas pode consultarse xa no Sistema Nacional de Publicidade de Subvencións e Axudas Públicas. Cada entidade só poderá optar a unha das liñas, e a valoración atenderá criterios como o número de licenzas ou socios, a amplitude de categorías, a traxectoria, o interese deportivo das actividades e as accións de inclusión social e promoción da igualdade.
O alcalde, José Ramón Rioboo, subliña que estas axudas nacen para soster o día a día dun tecido deportivo que cumpre unha función esencial na creación de hábitos saudables e na cohesión social. Engade, ademais, que o Concello continuará acompañando aos clubs tanto con financiamento como coa colaboración na organización de eventos.
O goberno local informa tamén de que o resto de convocatorias para entidades culturais, sociais, educativas e veciñais atópanse na fase final de tramitación para a súa xustificación e pagamento, co que se completa o compromiso municipal de apoio ao asociacionismo en todas as súas vertentes.