Culleredo activa unha nova edición do concurso #AdventoCIPAX con seis xornadas de retos e premios para a mocidade

O Concello de Culleredo, a través da área de Xuventude, pon en marcha un ano máis o concurso #AdventoCIPAX, unha proposta xa consolidada no calendario xuvenil do municipio. A edición deste ano comezará o vindeiro luns 15 de decembro e estenderase ata o 6 de xaneiro, combinando diferentes retos creativos co reparto de premios semanais.
Nesta convocatoria, o concurso contará cun total de seis xornadas de premios, unha por semana, ás que se engaden dúas datas especiais: o 25 de decembro e o 6 de xaneiro. En cada xornada lanzaranse retos a través das redes sociais de Xuventude Culleredo, e as persoas participantes disporán de cinco días para enviar as súas propostas e entrar no sorteo ou selección de agasallos.
Cada sesión terá varios premios, repartidos entre primeira, segunda e terceira persoa clasificada. As mozas e mozos poderán optar a recompensas como unha tablet, un tocadiscos, unha mini mesa de mesturas, micrófonos, smartwatches, xogos ou sudadeiras, entre outros artigos pensados para conectar cos seus intereses e afeccións.
Os desafíos faranse públicos semanalmente nas canles de Xuventude Culleredo e neles indicaranse as condicións de participación, así como a forma de presentar os traballos. A participación articularase a través das redes sociais Facebook, X, TikTok e Instagram. As persoas interesadas deberán completar o reto que se propoña en cada ocasión (manualidades, vídeos, fotografías ou actividades similares) e compartilo nas súas propias redes acompañado da etiqueta #AdventoCIPAX2025, ademais de seguir os perfís oficiais de Xuventude Culleredo. As bases completas poden consultarse na páxina web municipal.
A tenente de alcalde e responsable da área de Xuventude, Cristina Pardo, salientou que 'un ano máis apostamos por iniciativas que conecten cos intereses da nosa mocidade, e o concurso #AdventoCIPAX converteuse xa nunha cita moi agardada. É unha maneira divertida e participativa de acompañar estas datas con creatividade, retos e premios que sabemos que lles motivan'.