Culleredo activa o novo servizo de mantemento das zonas verdes con cinco brigadas a pleno rendemento

O Concello de Culleredo puxo en marcha esta semana todos os novos servizos de mantemento de zonas verdes, logo da adxudicación do contrato, e os efectos comezan a notarse en numerosos puntos do municipio. As áreas con maior necesidade, como o paseo marítimo, a parroquia de O Burgo ou o ámbito rural —afectadas polo cesamento da anterior concesionaria— contan xa con cinco brigadas traballando a pleno rendemento.
Nos últimos días, os equipos actuaron en lugares como o xardín botánico, a segunda fase do paseo marítimo, a costa da Lonxa ou a rúa Ferrocarril, no caso do paseo e O Burgo. No rural, leváronse a cabo tarefas de mantemento en Tarrío, Celas e nas urbanizacións Vallesur e Los Olivos.
O alcalde, José Ramón Rioboo, sinala que “os servizos chegarán gradualmente a todos os núcleos de Culleredo” e subliña que “esta prestación é esencial e por iso foi prioritaria a súa contratación con todas as garantías. Agora poderanse atender todas as demandas que trasladan os veciños”. Os traballos comezaron tras a finalización do complexo proceso administrativo e a subrogación e formación do persoal por parte da nova empresa adxudicataria.
Entre as novidades incluídas nos pregos destaca a incorporación do mantemento do mobiliario urbano presente nas zonas verdes. Isto permitirá actuar sobre bancos, papeleiras, valados e outros elementos, levando a cabo a súa reparación, limpeza, pintado e tratamento da madeira, unha demanda recorrente por parte da veciñanza.
Tamén se poñerá en marcha un programa de sanidade vexetal que contemplará tratamentos fitosanitarios fronte a pragas cada vez máis habituais en Galicia, como o picudo vermello das palmeiras ou a procesionaria do piñeiro.
Estes novos lotes —correspondentes ao rural, O Burgo e o paseo marítimo— únense aos que xa estaban operativos en Rutis e nos hortos urbanos, neste último caso xestionados por un centro especial de emprego. En total, o servizo municipal abranguerá o coidado de 592.632,44 metros cadrados de zonas verdes.
O contrato inclúe tamén o mantemento dos campos de fútbol municipais, tanto de herba natural como artificial, cun plan específico para garantir que o céspede se atope en condicións óptimas para a práctica deportiva.