Culleredo activa o 13 de outubro as actividades culturais e deportivas: prazas vacantes e matrícula dende o día 6

O Concello de Culleredo confirma que o luns 13 de outubro arrancará a programación anual de actividades culturais e deportivas, unha vez completados os trámites de matrícula. A xornada inicial servirá, como é habitual, para a presentación do equipo de monitores e a organización interna de cada disciplina.
Antes, o venres 3 de outubro, farase pública a listaxe de prazas vacantes resultantes do proceso de formalización que remata hoxe, día 30. As persoas interesadas poderán optar a esas prazas a partir do luns 6 de outubro, tanto a través da sede electrónica como de maneira presencial no Edificio de Servizos Múltiples.
A oferta deste curso estrutúrase en 116 grupos cunha participación que rolda as 1.400 persoas. O programa combina propostas para todas as idades: desde clásicos moi demandados como pilates, ioga ou Cullerchef, ata novidades como a marcha nórdica, o inglés para conversar ou o deseño de videoxogos.