Culleredo activa a recuperación do servizo de xardinería en O Burgo, o Paseo Marítimo e a zona rural

O alcalde de Culleredo, José Ramón Rioboo, mantivo un encontro co persoal da antiga concesionaria do servizo de xardinería e coa nova empresa adxudicataria, ALVAC, co obxectivo de axilizar o reinicio das tarefas de mantemento no Paseo Marítimo, en O Burgo e na zona rural. A reunión tivo lugar no centro Pablo Picasso de O Burgo e permitiu resolver dúbidas do cadro de persoal de cara ao comezo desta nova etapa.
Con esta nova adxudicación, quedan cubertos todos os lotes do servizo, despois de que recentemente se licitasen os lotes 1 e 3, que foran declarados desertos. “Ao fin os traballadores poderán ver mellorada a súa situación coa subrogación dos seus contratos por parte da nova empresa”, celebrou Rioboo, quen incidiu na “gran formación e capacitación que teñen estes traballadores para o desenvolvemento das tarefas, moitas delas xa coñecidas ao seren parte das zonas que xa traballaban”.
O rexedor aproveitou o encontro para agradecer o papel dos sindicatos durante todo o proceso, así como a paciencia e profesionalidade dos traballadores afectados polos impagos da anterior concesionaria. “O Concello estivo sempre ao lado dos traballadores, defendendo os seus dereitos e traballando para que o novo contrato saíse adiante o antes posible”, afirmou.
Rioboo explicou que a interrupción do servizo nas zonas afectadas nunca tería acontecido “de non ser porque a anterior empresa pasou por unha situación económica crítica que a levou á suspensión de pagos e ao concurso de acredores. De non ser por iso, os traballadores terían continuado como nas outras zonas e coas outras empresas ata a firma deste novo contrato”.
Melloras no servizo: emprego digno e espazos coidados
O novo contrato inclúe importantes melloras tanto para o persoal como para os espazos verdes do municipio. Entre elas, o cumprimento estrito da normativa laboral para garantir os dereitos dos traballadores, o mantemento do mobiliario urbano —como bancos, papeleras e valados—, e actuacións de sanidade vexetal para combater pragas como o picudo vermello ou a procesionaria do piñeiro.
O alcalde lembrou tamén que os lotes 2 e 4 xa están en funcionamento, cubrindo zonas como centros educativos, campos deportivos, os hortos urbanos e o Xardín Botánico. “Con todos os lotes xa adxudicados, Culleredo volverá contar cun servizo de xardinería de calidade, estable e adaptado ás necesidades actuais do municipio”, concluíu Rioboo.
A posta en marcha total do servizo permitirá, segundo sinalou o alcalde, avanzar cara a uns espazos verdes mellor coidados e máis sostibles, algo que xa comezan a percibir os propios veciños nas zonas nas que o servizo leva tempo activo.